A Xornada de Literatura de Tradición Oral, organizada pola AELG coa colaboración da Área de Cultura, conectará o romanceiro tradicional e o bravú
Esta venres presentouse a décimo segunda edición da Xornada de Litetura de Tradición Oral organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que se celebrarán o vindeiro sábado 26 de outubro baixo o epígrafe “Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú”.
A xornada, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, pon o foco na literatura oral pensada para cantar e propón unha reflexión sobre a evolución desta parte da cultura popular a través das achegas de especialistas de recoñecemento internacional.
Nos relatorios, que se desenvolverán no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, intervirán a musicóloga suíza Dorothé Schubarth, o investigador do romanceiro galego Jose Luis Forneiro, o músico e escritor Xurxo Souto, que afondará nas novas formas da música popular como o bravú, e a música e mestra Branca Villares Naveira, que disertará sobre a pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas populares. A programación culminará cunha sesión práctica na que intervirán docentes e alumnado da Tradescola.
As actas da xornada editaranse en papel e distribuiranse entre centros de ensino do país como material de apoio para a docencia. Ademais, difundiranse a través da web da AELG. A asistencia á actividade, que se celebrará no Salón de Actos da Deputación de Lugo, validarase como formación para o profesorado.
Doce anos de colaboración
A Área de Cultura da Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega veñen colaborando na celebración das xornadas de literatura oral desde a primeira edición, en 2008, cando se iniciou un camiño de valorización e visualización do patrimonio inmaterial, que situou Lugo como un espazo de referencia no estudo e investigación desta parte da literatura.
Ás doce edicións das xornadas, súmanse iniciativas como as polafías que actualizan as antigas xuntanzas tradicionais e outros proxectos de recuperación e rexistro da tradición oral como Mestres e Mestras da Memoria, que documenta as achegas de persoas que asumiron ese papel de transmisoras da tradición.
Programa da xornada
10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
10.30-11.30 Conferencia: O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, lingua e normalización. José Luís Forneiro.
Orixe, tipoloxías e linguas de expresión do romanceiro tradicional. Un repaso á historia do romanceiro popular, influencias e canles de difusión popular.
11.30-12.30 Conferencia: O romance tradicional; relación entre texto e melodía. Dorothé Schubarth.
O romanceiro interpretado con acompañamento musical formou e forma parte da nosa tradición. Grazas á ampla experiencia da relatora como recompiladora, ademais de destacada musicóloga e investigadora, posibilita coñecer o pasado e o presente deste xénero na nosa cultura popular.
12.30-14.00 Mesa redonda: Romances con rima e melodía. Supervivencia do xénero. José Luís Forneiro e Dorothé Schubarth
Coordina: Antonio Reigosa.
A conxunción das reflexións dos dous investigadores permitirá ao público asistente afondar nas formas tradicionais, tanto dos textos como das melodías asociadas arredor do romanceiro no pasado, no presente e as perspectivas de futuro.
16.00-17.00 Conferencia: Novas formas na música popular: Da romaría á festa. Da movida ao bravú. Xurxo Souto Eiroa.
As músicas, xunto coas letras, van e veñen, circulan canda a xente dun a outro lado do mundo. A migración galega trouxo e levou músicas e letras, adaptou melodías para cantar e bailar, e tamén creou formas mesmo xéneros autóctonos.
17.00-18.00 Conferencia: A pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa. Branca Villares Naveira.
A cuestión do xénero é un aspecto fulcral á hora de analizar a evolución do romanceiro.
18.00-19.30 Mesa redonda: Os camiños incertos da canción. Lingua e música popular no século da globalización. Xurxo Souto Eiroa e Branca Villares Naveira Coordina: Lois Pérez.
Rematado o "século das cancións", a música popular galega e as súas manifestacións na nosa lingua dispóñense a atravesar un tempo dominado pola globalización e o auxe tecnolóxico. Un tempo de oportunidades pero tamén de riscos para as linguas minorizadas e as súas expresións na cultura tradicional.
19.30-20.30 Sesión práctica: Transmisión oral na música tradicional no século XXI: A Tradescola de Lugo e a Asociación de Gaiteiros Galegos Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Interveñen alumnado e profesorado da Tradescola, Escola de Música Tradicional (Lugo) A Tradescola de Lugo é un centro de formación de baile, música e canto tradicional. Coñeceremos o seu funcionamento, as materias que imparten (gaita, requinta, zanfona, linguaxe musical, acordeón, pandeireta...) e veremos na práctica unha serie de mostras a través dunha representación do seu alumnado máis avantaxado.