Cultura

A Vicepresidencia colaborará coa Mesa para avanzar na normalización do uso do galego

Maite Ferreiro reuniuse co presidente da entidade Marcos Maceira para avanzar nunha fórmula de cooperación

Lugo, 19 de novembro de 2019.- A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, reuníronse este martes para avanzar nunha fórmula de colaboración.

O responsable da Mesa expuxo os proxectos que desenvolven para promocionar o galego no ámbito do ensino, da empresa ou da administración e incidiu na necesidade de “extender o uso da lingua entre a mocidade eliminando as barreiras que persisten para empregala libremente, entre elas as psicolóxicas”.

Maite Ferreiro mostrou a disposición da área de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística a colaborar coas iniciativas que desenvolve a Mesa. “As administracións públicas debemos traballar activamente en favor da normalización social da lingua galega e garantir que calquera persoa poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade”, expuxo a vicepresidenta.