O Museo Provincial de Lugo acolle a mostra “Setenta e cinco anos ao servizo de Galicia”, que repasa a traxectoria do Instituto Padre Sarmiento

Maite Ferreiro
Museo Provincial
Instituto Padre Sarmiento
Inauguración  Setenta e cinco anos ao servicio de Galicia”
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o director do Instituto, Eduardo Pardo de Guevara, inauguraron a exposición, que estará aberta ata o 16 de febreiro

Lugo, 16 de xaneiro de 2020.- Esta tarde inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a exposición “Setenta e cinco anos ao servicio de Galicia”, que conmemora o aniversario da creacion do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS).

A  mostra, formada por 28 paneis, fai un percorrido histórico pola traxectoria da entidade ao tempo que sinala as súas contribucións máis notables á ciencia e á cultura galegas.

Así, os doce primeiros paneis explican os primeiros pasos do Instituto, constituído formalmente o 15 de febreiro de 1944, e lembran os protagonistas do seu devir,  ademais de repasar as actividades de divulgación científica e cultural máis destacadas do primeiro medio século de vida, entre elas as exposicións anuais realizadas en 1948 e 1972. A etapa máis recente do Instituto, de 1994 a 2019, condénsase en dous paneis nos que se dá conta da súa reorganización como centro mixto do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia.

A este esbozo histórico súmanse oito paneis nos que se repasan as publicacións que levan o selo do Instituto así como as diferentes coleccións histórico-artísticas e arqueolóxicas que atesoura.

Inauguración

A mostra inaugurouse esta tarde no Refectorio do Museo de Lugo, onde permancerá ata o 16 de febreiro.  A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, abriu o acto acompañada polo director do Instituto, Eduardo Pardo de Guevara.

Na súa intervención, a vicepresidenta subliñou o papel do Instituto “no ámbito da divulgación científica e cultural ao longo das sete últimas décadas” e felicitouse por ter a exposición na cidade “nunhas datas tan próximas ao aniversario da súa contitución formal, o 15 de febreiro, cando se cumprirá xa 76 anos de actividade”.

Ademais, Maite Ferreiro lembrou a Martín Sarmiento, que lle deu nome á institución, “como unha figura fundamental no proceso de configuración dun saber e unha conciencia especificamente galegos”.

Tras as intervencións inaugurais, Eduardo Pardo de Guevara guiou ás persoas asistentes ao acto nunha primeira visita pola mostra que permanecerá no Refectorio do Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 16 de febreiro.

Ao acto asistiron tamén a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación.