Benedicta Sánchez recibiu o agarimo e agradecemento dos lucenses no Pazo de San Marcos
Lugo, 4 de xaneiro de 2020.- Benedicta Sánchez recibiu esta tarde o agarimo e agradecemento dos lucenses nun acto de homenaxe celebrado no Pazo de San Marcos. A Sala de Exposicións encheuse para recibir a corguesa, Premio Goya á mellor actriz revelación pola súa interpretación na película “O que arde” de Óliver Laxe.
Entre os asistentes estaba o coprotagonista do filme, Amador Arias, que deu a primeira sorpresa da tarde á actriz, que se amosou “agradecida” e “sobrepasada” polas mostras de afecto recibido e que compartiu co público algunhas anécdotas dos ensaios e da rodaxe da película, gravada en Navia de Suarna.
A espontaneidade que desbordou na cerimonia de entrega dos Goya saíu tamén a relucir no acto, que culminou cunha longa ringleira de persoas agardando quenda para saudala e fotografarse a carón dela.
“Benedicta é tremendamente diferente da súa personaxe, pero debemos aprender de ambas, a amar o que é noso, a loitar polo que cremos xusto, e a derribar os tabús e as barreiras impostas”, dixo a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, que estendeu o "recoñecemento a Benedita a todo o equipo da produción do filme". "Grazas a eles, A Fonsagrada, Os Ancares, O Corgo, Lugo, Galiza, agora están mellor bosquexados no imaxinario cinematográfico e cultural de moita xente", engadiu.
O presidente da Deputación, José Tome, sinalou que "a mellor homenaxe que lles podemos render é apoiar o audiovisual galego e tamén traballar pola igualdade e garantir que nosas fillas e netas vivan as súas vidas con liberdade como ela fixo sendo unha muller cosmopolita, pioneira e independente".
Como agasallo e recordo da xornada, Benedicta Sánchez recibiu unha reprodución artesá dun mosaico romano e mais a insignia da Deputación de Lugo.