Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia reivindica a oficialidade do Día de Rosalía cunha trintena de actividades culturais

MES DE ROSALÍA
Teatro
ÁREA DE CULTURA
Maite Ferreiro
GRAFFITI
DÍA DE ROSALÍA
RECITAL POÉTICO
LECTURA POPULAR
O ciclo inaugúrase coa representación da montaxe "Rosalía" de Culturactiva o sábado 15 no Salón de Actos do Pazo de San Marcos (18:00 horas)

O Mes de Rosalía incluirá tamén música, recitais poéticos, proxeccións audivisuais e intervencións artísticas en diversos concellos

Máis dunha trintena de actividades culturais encherán o Mes de Rosalía, unha programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da data de nacemento da escritora de Padrón, o 24 de febreiro.

Durante a segunda quincena de febreiro e o mes de marzo, desenvolveranse recitais poéticos, representacións teatrais, actuacións musicais e intervencións artísticas co fin de ampliar o coñecemento e por en valor a vida e obra da autora, “referente necesario na procura de dignidade para a lingua e a cultura galegas e na defensa do papel das mulleres na sociedade”.

A vicepresidenta, Maite Ferreiro, animou “a todos os concellos, entidades e colectivos a sumarse á celebración do Día de Rosalía, neste e en vindeiros anos, para acadar o recoñecemento oficial desta data”.

Na presentación participaron o escritor Antonio Reigosa, da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), e Montse González, responsable do Servizo de Normalización Linguística da Deputación de Lugo, que contribuíron a artellar a programación e coordinarán cadanseu recital poético.

O sábado 22 de febreiro, ás 13:00 horas, a AELG realizará no Parque de Rosalía de Lugo  a tradicional lectura popular da obra de Rosalía, á que poderán sumarse todas as persoas que o desexen. Antes, lerase un manifesto asinado polo escritor Daniel Asorey centrado no fénomeno da emigración e do que signifou para Galiza.

O venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputacíon de Lugo, celebrarase un acto poético musical coa presenza de 23 poetas que lle porán voz a poemas de "Follas Novas" e "Cantares Galegos" e recitarán versos da súa propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais.

"Rosalía" de Culturactiva inaugura a programación

Durante o Mes de Rosalía, dúas montaxes teatrais xirarán polos concellos da provincia. Unha delas será  “Rosalía” de Culturactiva, unha montaxe para público familiar que recrea parte da infancia da escritora e que se está a estrear en toda Galiza. A primeira representación será o sábado 15 de febreiro ás 18:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos

A outra produción, que poderá verse en distintos escenarios da provincia ao longo das vindeiras semanas,  será “A pluma viva de Rosalía” dos Quinquilláns, unha obra sobre igualdade e liberdade a partir dos textos da poeta de Padrón baseada nun feito real de censura da súa obra.

Música no Pazo de San Marcos

Zoelas, Paloma Suanzes, Faia, Xoana e García MC completan o elenco de actuacións musicais que se desenvolverán durante o Mes de Rosalía, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. 

Graffiti nos colexios

O graffiti será o outro elemento da oferta cultural do Mes de Rosalía. Otro Prisma e Concepto Circo realizarán intervencións artísticas en doce colexios da provincia. 

Ademais, o 6 de marzo, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá unha proxección de audiovisuais realizados en centros escolares arredor do Día de Rosalía, na que a pintura mural tamén terá protagonismo.