Cultura
Deputación de Lugo

A Rede Museística pon en valor a voz das mulleres do mar co proxecto “Amar a mar: mariñas, marosas e maruxainas”

REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
XURXO SOUTO
Maite Ferreiro
Presentación Amar a Mar
O escritor e músico Xurxo Souto percorrerá a comarca da Mariña para afondar na súa identidade mariñeira a través da música e das palabras

O proxecto, no que tamén participará o fotógrafo Ignacio Castro, dá continuidade á programación organizada polo cincuenta aniversario do Museo do Mar de San Cibrao

Lugo, 18 de febreiro de 2020.-  A programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Rede Museística polo cincuenta aniversario do Museo do Mar de San Cibrao amplíase co proxecto “Amar a mar: mariñas, marosas e maruxainas”,  que pretende visibilizar a memoria e a cultura mariñeira nas comarcas do interior.

Trátase dun proxecto colaborativo que toma o mar como referencia xeográfica e vivencial e no que participan o músico e escritor Xurxo Souto e o fotógrafo Ignacio Castro “Nachok”. Involucra tamén o tecido asociativo e a comunidade educativa da Mariña Lucense.

Mariñas, marosas e maruxainas: Cantos das mulleres do norte

Xurxo Souto percorrerá os concellos costeiros da comarca para pescudar na súa identidade a través das voces das mulleres que traballan ou traballaron no mar. Nos encontros con estes colectivos apelarase á memoria para recoller retrouxos e melodías que forman parte do patrimonio inmaterial da Mariña Lucense.

“Podémonos achegar á Mariña de moitas formas. Nos escollemos este camiño da visión das mulleres e do poder evocador da música. Iremos pola Mariña adiante descubrindo e aprendendo dos oficios das mulleres. Das redeiras, das percebeiras, e tamén das patroas” relatou o músico e escritor, que ten desenvolvido diferentes proxectos sobre o universo sonoro das mulleres do mar.

Derivas

Baixo este epígrafe,  Ignacio Castro “Nachok”, recoñecido polos seus traballos no ámbito da fotografía artística, especialmente en proxectos editoriais, realizará obradoiros fotográficos co mar e as persoas que viven del no foco.

Exposición para o 8 de maio

O traballo desenvolvido polos dous artistas formarán parte dun exposición que incluirá pezas, documentos e materiais das coleccións do Museo do Mar de San Cibrao e que inaugurará o 8 de maio no Museo Provincial de Lugo.

“Chegados os cincuenta anos de historia propoñemos reversionar o Museo do Mar no interior do Museo de Lugo para reivindicar a identidade mariñeira da provincia e reflexar a importancia que a mar tivo como sustento e como porta cara a novos mundos”, expuxo Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, na presentación do proxecto esta mañá nos xardíns do Pazo de San Marcos.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou a necesidade de afondar “no recoñecemento e na visibilización da cultura mariñeira, especialmente desde a ollada das mulleres” e agradeceu “o traballo realizado polo persoal da Rede Museística para desenvolver proxectos coma este que nos fan sentir orgulo do propio”.

Presentación Amar a Mar