A Área de Cultura colabora coa edición máis internacional do Esmorga Fest de Sarria
A Área de Cultura colabora, por primeira vez, co festival de música independente de Sarria Esmorga Fest, que se celebrará os días 13 e 14 de marzo.
A organización ultima os preparativos da edición máis internacional do festival, cun cartel no que estarán os estadounidenses Moon Duo, os belgas It It Anita ou os británicos Modern Nature, ademais de grupos estatais como Viva Belgrado, Cariño ou Los Punsetes.
“A Deputación de Lugo non podía quedar á marxe dun festival coma o Esmorga Fest, que se converteu nun referente na programación de música independente en Galiza, inaugurando a temporada de festivais e que conseguiu involucrar a toda a veciñanza ao celebrarse dentro da vila, en espazos como a Unión que, nestas xornadas, se enche de persoas de todas as idades que desfrutan do ambiente que se xera á marxe dos propios concertos”, explicou o deputado Efrén Castro durante a presentación realizada esta mañá no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
O festival, que conta cunha achega de 6.000 euros da Área de Cultura, xera un importante impacto económico en Sarria, vinculado ao gasto en aloxamento e en restauración dos asistentes. Segundo os datos achegados polos organizadores, na última edición esgotáronse as entradas para os dous días de festival e o 60 por cento delas vendéronse fóra de Galiza.
Nesa liña, Pablo López e Diego García explicaron que “nos días do festival a ocupación hoteleira chega ao 100 por cento e, mesmo, algúns albergues abren para as datas. Xérase un movemento económico importante nunha época do ano teoricamente baixa”.
A organización espera repetir as cifras do ano pasado cando pasaron polos festival unhas 1.800 persoas. As entradas están á venda na web esmorgfest.com a un prezo de 35 euros.