Cultura
Deputación de Lugo

A Rede Museística Provincial ofrece programación online para colectivos con capacidades diferentes

REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
persoas con capacidades diferentes
Con #Feitoparati as propostas culturais adáptanse as necesidades e preferencias de cada grupo

Lugo, 23 de abril de 2020 - A Rede Museística Provincial ven de ampliar a súa oferta de actividades en liña co programa #Feitoparati,  co que achegan propostas culturais adaptadas ás necesidades que lles formulan desde distintos colectivos.

 A asociación Agora de Monforte, que forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) foi das primeiras en participar nesta actividade coa que a Rede mantén o seu compromiso coa inclusión e a accesibilidade, ademais de afortalar os lazos coa comunidade.

A través de encontros en liña guiados pola xerente da Rede Museística, Encarna Lago, as persoas usuarias de Agora puideron visitar virtualmente o  Museo Pazo de Tor e coñecer con detalle a súa historia, así como outros aspectos da cultura local.

Na última semana,  a Rede tamén colaborou coa residencia de persoas maiores de Foz, ofrecendo os seus recursos para axudar aos residentes a sobrelevar o estrito confinamento que manteñen nestes centros.

A Rede Museística, que durante o ano ven realizando actividades presenciais con Cogami, ponse a disposición dos colectivos da provincia para deseñar actividades adaptadas ás necesidades e preferencias de cada grupo.

Tamén atenden as peticións que se realicen desde centros educativos e anpas, para ofrecer propostas didácticas ao alumnado, como viñan facendo durante o curso escolar.

As persoas interesadas deben formular a súa solicitude a través do correo electrónico xerencia@museolugo.org