A área de Cultura axiliza a tramitación de axudas ao tecido asociativo cun importe total de 638.000 euros
Maite Ferreiro explicou que se prioriza a xestión das achegas previstas para que as asociacións e colectivos dispoñan dos fondos no menor tempo posible
Lugo, 7 de maio de 2020 – A Área de Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística axiliza a xestión das axudas a entidades, colectivos e asociacións culturais previstas nos orzamentos de 2020, que suman un importe de 638.000 euros.
Trátase de achegas destinadas, fundamentalmente, ao funcionamento do entramado cultural de base, que desenvolve ao longo do ano innumerabeis actividades en todo o territorio da provincia facilitando o acceso e participación de todas e todos nos procesos culturais e sendo tamén peza fundamental no sostemento do sector profesionalizado.
“Fronte á incerteza que xera a Covid 19, desde a área de Cultura queremos que as asociacións culturais teñan a seguridade de que contarán cos fondos comprometidos e saiban que traballamos para que dispoñan deles no menor tempo posible. Os seus proxectos veranse condicionados pola situación extraordinaria na que nos atopamos, e seguramente terán que repensar algunhas das actividades”, sinalou a deputada de Cultura, Maite Ferreiro.
“Tras a aprobación do Plan Estratéxico de Subvencións e do protocolo interno de tramitación, o servizo está a traballar na xestión destas achegas. As asociacións recibirán a comunicación correspondente e poderán iniciar o procedemento de solicitude”, proseguiu a nacionalista, que agradeceu o traballo das “persoas que forman parte desttes colectivos e que traballan, moitas veces de xeito altruísta, para desenvolver actividades na súa parroquia, concello ou comarca”.
“As administracións temos a obriga de apoiar e colaborar con estas asociacións e de protexer a cultura, unha ferramenta indispensable para construír unha sociedade viva, dinámica, crítica, consciente do seu potencial e orgullosa da súa identidade”, concluíu Ferreiro
As achegas, recollidas nos orzamentos de 2020 e no Plan Estratéxico de Subvencións, benefician a 44 entidades e asociación culturais que centran a súa actividade na protección, valorización e difusión do patrimonio cultural, na normalización do uso do galego en diferentes ámbitos, na organización de festivais e programacións culturais ou no eido educativo e formativo.
Valorización do patrimonio cultural
Entre as entidades beneficiarias figuran , entre outras, a Asociación de Gaiteiros Galegos, que traballa na difusión da música e do baile tradicional coa Tradescola como referente, Lugo Patrimonio e Mariña Patrimonio, que se adican ao estudo e divulgación do patrimonio material ou asociacións como O Teixo de Piornedo, que organiza o Encontro de Tocadoras, Amigos do Folión, que manteñen viva a tradición do Folión de Carros de Chantada ou a Asociación de Veciños María Castaña da Pobra de Brollón que promove a investigación arqueolóxica do castro de San Lourenzo, en Cereixa.
O apoio á normalización do galego medra máis do 50 por cento
Ademais de manter o apoio a entidades como a Real Academia Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a área de Cultura retoma a colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística -a maior asociación cultural de Galiza con 4.000 socias e socios-, que decaera na pasada lexislatura; incrementa a achega destinada a Asociación Correlingua, que cumpre 20 anos de activismo pola lingua; e enceta a colaboración coa Asociación 25 Xastres de Monterroso, que converteu a Feira do Libro e do Disco en Galego nun referente para creadores culturais de toda Galiza. Así, os fondos destinados a entidades e asociacións que traballan no ámbito da normalización do galego en diversas vertentes increméntanse en máis do 50 por cento respecto ao 2019.
Apoio a iniciativas no eido formativo e educativo
A formación musical recibe un importante apoio da área de Cultura, con achegas aos conservatorios de Vilalba, Monforte e Viveiro, a Asociación Músico Crisanto ou a Escola de Música de Antas de Ulla. Tamén se colabora con iniciativas educativas dirixidas ás familias como a Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, a Asociación Educando en Familia ou a federación provincial de anpas de Lugo, Fapacel.
Festivais e programacións culturais
Ademais, programacións culturais consolidadas como o Festival Internacional de Jazz, a Semana do Cine de Lugo e festivais como o de Pardiñas de Guitiriz, o Esmorga Fest de Sarria e o Castañazo Rock de Chantada ou festas tradicionais como As San Lucas, todas elas citas condicionadas este ano polas restricións sanitarias, tamén disporán das achegas da área de Cultura.