Cultura
Deputación de Lugo

Un coloquio online sobre diversidade e inclusión ante a Covid 19 abre o ciclo de actividades da Rede Museística polo Día Internacional dos Museos

DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS
ICOM
SON DE ARTE
Igualdade
inclusión
MUSEOLOXÍA SOCIAL
A presidenta de ICOM España será unha das ponentes do encontro virtual, que se celebrará o 12 de maio ás 17.00 horas

Este martes ponse en marcha tamén o proxecto "Son de Arte", con que se convida a artistas e público en xeral a poñer música a distintas obras dos museos

A Rede Museística Provincial desenvolverá ao longo desta semana un ciclo de actividades para celebrar o Día Internacional dos Museos -18 de maio-.  A serie iníciase esta tarde co foro dixital “Museos pola igualdade, a diversidade e a inclusión en tempos de incerteza”, no que participarán profesionais e expertas en museoloxía social como a presidenta do Consello Internacional de Museos (ICOM) en España, Teresa Reyes.

A ponencia, que presentará a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, comezará ás 17.00 horas e poderá seguirse a través das redes sociais da Rede Museística Provincial. Os participantes poderán formular preguntas e achegar propostas ao fío das intervencións.

“A Covid-19 precipitou un cambio de paradigma, tamén para os espazos culturais coma os museos, que neste novo escenario, non podemos deixar atrás os nosos principios básicos: estar ao servizo da sociedade procurando a igualdade, a inclusión e a diversidade. A intención deste foro é reflexionar sobre este reto que temos por diante e compartir prácticas que nos permitan seguir avanzando nese obxectivo”, sinala Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, recoñecida pola súa labor a prol da igualdade e a inclusión desde hai máis de vinte anos.

Participantes
O foro, dirixido a profesionais de museos e asociacións, reunirá algunhas das voces máis prestixiosas do panorama estatal en relación coa museoloxía social. Ademais de Teresa Reyes, presidente de ICOM España, intervirán María del Mar Gaita, Secció de Museus i Belles Arts Museu Krekovic do Departament de Cultura, Patrimoni i Esports do Consell de Mallorca; Carme Berges, directora Museo Comarcal de Cervera e investigadora no Grup de Trevall Museus i Gènere; Oliva Cachafeiro, directora do Museo de Arte Africano Arellano Alonso; Mercedes Mingote, xefa da Sección de Museos do Principado de Asturias; Margarida Freire, dirixente de Direção Intermédia 3º Grau. Município de Torres Novas (Portugal); Lilianne Cuesta,  conservadora do Museo Nacional de Cerámica e Artes Suntuarias González Martì; Carolina Casal, xestora cultural e membro da Rede de Estudos Medievais da USC; María Cacheda, responsable da acción educativa da Área de Monuments i Jaciments da Agencia Catalana de Patrimonio Cultural e  Ángeles Miguélez, Rede Museística Provincial de Lugo

Tamén participarán no coloquio expertas do terceiro sector como Cristina Alonso, de Cogami Lugo; Mónica Álvarez, presidenta da Asociación Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) e Claudia Torner, coordinadora do Programa Apropa Cultura.

Son da arte
A celebración do Día Internacional dos Museos con outras actividades en liña. Este martes ponse en marcha "Son da arte", un proxecto no que artistas que expuxeron nos museos da Rede nos últimos dous anos poñen banda sonora a algunha desas obras.

Ademais, convidarase ao público en xeral a poñer música a unha obra,  que se irá difundindo a través das redes sociais dos museos.  Así, durante este tempo, crearase unha playlist do confinamento, que será o reflexo de múltiples olladas e de realidades diversas. O proxecto concluirá cun encontro coas artistas participantes o 18 de maio ás 19:30 horas.

Noite dos Museos
O sábado 16 de maio a habitual "Noite dos Museos", que se viña celebrando con quedadas nocturnas nos propios centros, trasladarase tamén ás redes que recollerán, a partir das 23:00 horas diarios de arte, educación e museos en tempos da Covid-19.

Museal-izémonos no DIM 2020
Durante toda a xornada do 18 de maio proxectaranse achegas de diferentes persoas,
preferentemente en vídeo, que reflexionen brevemente sobre o significado e aplicación do
lema escollido polo ICOM para conmemorar o Día Interancional dos Museos 2020: Museos para a igualdade: diversidade e inclusión. A través do dinámico da web, os vídeos renovaranse cada hora, consonte a un programa preestablecido que se fará público.

Exposición virtual "Esquecín esquecerte"
Por último, tamén o luns 18, ás 20.00 horas, inaugurarase a modalidade virtual da exposición colectiva  "Esquecín esquecerte", con obras de 24 artistas que mostran unha visión persoal da realidade do alzheimer que provén da súa propia experiencia, cada unha desde a súa disciplina. Así, a mostra reùne debuxos, fotografías, vídeos, obra téxtil ou esculturas arredor dunha problemática que afecta a un conxunto da sociedade.

Podedes ver o programa detallado aquí.