Cultura apoia o teatro coa creación dun catálogo de actuacións que se ofrecerán a concellos e asociacións
Lugo, 2 de xuño de 2020.- A vicepresidenta da Deputación de Lugo e deputada de Cultura, Maite Ferreiro, mantivo un encontro telemático con representantes de compañías profesionais de teatro para contrastar a forma de retomar a programación escénica que a institución viña impulsando a través de Proscenio.
A área de Cultura propúxolles a creación dun catálogo de espectáculos escénicos para ofrecer as súas actuacións a concellos e asociacións, coa fin de comezar a actividade a mediados de xullo.
Maite Ferreiro confirmou que a proposta foi “ben acollida” por parte das compañías teatrais que participaron no encontro, Palimoco Teatro, Trécola Teatro, Itaca Teatro, Mircromina Títeres, Lila Teatro, Titireterra e Pinconús Teatro. Segundo explicou, cada compañía incluiría un espectáculo nesa bolsa de actuacións que logo se ofrecería aos concellos e asociacións para que elixesen a máis axeitada dacordo coa súa programación cultural.
A vicepresidenta confirmou que Cultura traballa na tramitación do procedemento para “completalo no menor tempo posible e que as compañías poidan facer as primeiras actuacións a partir de mediados de xullo”.
Cultura financiará as actuacións integramente
A área de Cultura fárase cargo do importe íntegro das actuacións, valoradas en función dos cachés de cada compañía. Isto supón un cambio con respecto as últimas edicións nas que os concellos e asociacións tiñan que achegar como mínimo a metade do financiamento.
“A nosa intención é levar as montaxes teatrais por todo o territorio, contribuíndo a retomar a actividade cultural nos concellos da provincia, e apoiar aos traballadores e traballadoras da cutlura, un dos sectores prexudicados ola crise”, explicou Maite Ferreiro.
Cultura destinará un orzamento de 50.000 euros a esta programación coa que se pretende que “todas as compañías conten con algunha actuación”, contribuíndo así ao sostemento dos profesionais do sector asentados na provincia de Lugo.
Protocolos sanitarios
Maite Ferreiro remarcou que “se establecerán protocolos sanitarios adaptados a cada espazo para que as actuacións se leven a cabo coas máximas garantías para as profesionais e para o público asistente.