Cultura
Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Homenaxe a mulleres pioneiras nos oficios do tecido na inauguración da mostra Tecer para crer, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño

CENTRAD
Efrén Castro Caloto
Inauguración Tecer para Crer

Lugo, 5 de marzo de 2020.- A Capela de Santa María acolleu esta tarde a inauguración do proxecto-exposición Tecer para Crer,  que reúne algunhas das mellores mostras do traballo das mulleres dos oficios do tecido na provincia.

Colchas, mantas e outros tecidos elaborados con distintas técnicas e materiais tradicionais en distintas puntos da provincia forman parte da exposición organizada polo Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) que se poderá ver nese espazo ata o vindeiro 26 de abril.

A inauguración serviu como acto de recoñecemento do labor realizado por mulleres artesás que foron pioneiras nos oficios do tecido, unha tarefa que ata ben entrada a segunda metade do século XX foi de vital importancia no sustento do fogar e a economía da Galicia Rural. Así, lembrouse e distinguiuse a tecedoras, fiandeiras, palilleiras e redeiras de distintas épocas e xeneracións.

Recoñecemento a pioneiras dos oficios do tecido

O repaso á historia do tecido na provincia comezou co recordo de Josefa Blanco Illade, de San Cibrao, que cultivaba o liña, fiaba, tecía e cosía as velas dos barcos dos asteleiros Fra na primeira metade do século XIX. Continuou cunha lembranza a Edelmira Suárez García, mestra das redeiras de Burela, e un recoñecemento ás mulleres da Asociación Cabo Burela que manteñen o oficio; ou a Leónides Gómez Basanta, de Foz, mestra de palilleiras.

Entre as 45 artesás distinguidas, estiveron tamén as mulleres da Asociación de San Bartolomeu de Insua, que levan máis dunha decada traballando para poñer en valor o proceso do liño, e fiandeiras e tededoras da Montaña e da comarca de Sarria.

Especial protagonismo tivo Miriam Fernández Otero, sucesora dunha das familias de tecedoras máis recoñecidas da Terra Cha e exemplo da transmisión interxeneracional destes oficios.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, que participou no acto xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro, destacou que “Tecer para Crer  era unha forma de recoñecer uns oficios que por estaren desenvolvidos por mulleres estiveron durante moito tempo pouco documentados e apreciados”.

Nesa liña, agradeceu “ás artesás que conservaran e transmitiran un saber que forma parte do noso patrimonio cultural”


Obradoiros de tecido

De forma paralela á exposición, desenvovleranse obradoiros abertos ao público no que as persoas interesadas poderán coñecer diferentes técnicas e que teñen como obxectivo promover a incorporación de novos talentos  e  espertar o interese  e  creatividade de persoas afeccionadas.

Censo de mulleres artesás

Así mesmo, Tecer para Crer quere ser punto de encontro  para a recollida de datos que completen  o  censo  de mulleres artesás que exerceron ou, dalgún xeito, continúan traballando nalgunha das actividades de tecedura  recoñecidas oficialmente como artesanais.

Francisca López, coordinadora do proxecto, sinalou na presentación que “Tecer para crer é unha homenaxe ás pionieiras pero tamén é un punto de partida sobre o que impulsarnos para iniciar un camiño na procura de novas aplicacións e fórmulas de traballo, que respondan as inquedanzas das artesás pero tamén dunha sociedade que reclama cada vez con mais intensidade, un retorno á orixe”