Cultura
Deputación de Lugo

Cultura colabora co Festival de Pardiñas, que celebra a 41 edición cun formato deslocalizado e adaptado á nova normalidade

FESTIVAL DE PARDIÑAS
ÁREA DE CULTURA
XERMOLOS
Maite Ferreiro
Guitiriz
A Asociación Xermolos apostou nos grupos habituais do festival para unha programación de música, literatura e audiovisual que se extenderá durante todo o mes de agosto

Os concertos, proxeccións, presentacións e obradoiros terán como escenario algunhas das paisaxes máis fermosas do municipio, a comezar polas carballeiras de Parga este sábado

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro participou este mércores na presentación do Festival de Pardiñas, que celebra a 41 edición cun novo formato, deslocalizado e adaptado as medidas de prevención do coronavirus.

A Casa das Palabras de Guitiriz serviu de escenario para a presentación do festival organizado pola Asociación Cultural Xermolos que este ano levará concertos, proxeccións audiovisuais, presentacións de libros e coloquios culturais a diferentes parroquias do concello durante todas as fins de semana de agosto.

Ferreiro agradeceu “o esforzo feito pola asociación para reformular o Festival e adaptarse ás excepcionais circunstancias deste ano marcado polo incidencia do coronavirus” que, sinalou, “está complicando a celebración de festas e programacións culturais por todo o país”.

O impulsor do evento, Alfonso Blanco, explicou que “optaron por persoas, colectivos e grupos das terras de Guitiriz, Parga e Teixeiro e por outros que, sen ser daquí, estiveron sempre con Xermolos, contribuíndo a que o festival saira adiante”. “Concebimos a cultura como unha ferramenta contra outras pandemias, como a desigualdade e a inxustiza, por iso cremos que ante o coronavirus non podemos baixar as forzas. Temos que pelexar contra el”, expuxo durante a presentación na que tamén participou a alcaldesa de Gujtiriz, Marisol Morandeira.

A programación arrincará o sábado 1 de agosto na carballeira de Parga coa Mostra de Artesáns de Instrumentos Musicais na que participarán preto de 40 artesás de todo o país e pregón de Afonso Castro. O grupo de música tradiconal Tres pesos ofrecerá un concerto en pequeno formato.

As actividades continuarán ao longo de todo o mes, abertas e gratuítas, a excepción do concerto de Uxía Senlle (3 de agosto no Campo de Guitiriz ás 21.00 horas), con entrada a prezo simbólico (2 euros) para facilitar o control do aforo. Os tickets están a venda en catro negocios de Guitiriz: Bocatería Soa, Xoldra, Gaibor e Librería Castaño.

A área de Cultura da Deputación de Lugo achega 20.000 euros á organización do Festival de Pardiñas.