Cultura
Deputación de Lugo

Presentada a Declaración Lugo-Lisboa, con claves para avanzar cara museos máis activos nos planos social, ambiental e político

MINOM
DECLARACIÓN LUGO-LISBOA
MUSEOLOXÍA SOCIAL
USC
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, asistiu á presentación  da Declaración Lugo-Lisboa, documento no que cristalizaron os debates da Conferencia Internacional sobre Museoloxía Social que a Rede Museística Provincial organizou xunto á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade Lusófona de Lisboa.

O texto sinala as claves para avanzar na transformación dos museos na liña marcada polo Movemento Internacional de Museoloxía Social (MINOM), que aposta en metodoloxías de traballo participativas e en valores de inclusion, equidade e igualdade.

Maite Ferreiro sinalou que “a Rede Museística e a USC  sitúan Lugo na vangarda desta corrente internacional que pon as persoas no centro da acción cultural” e puxo en valor o traballo “que se fai desde as dúas institucións para tomar parte en propostas culturais e académicas internacionais desde unha  posición periférica”.

O documento, que describe os museos como “un lugar de vida e convivenza para tódalas persoas, de valorización do seu patrimonio, a súa memoria e da reafirmación dos seus soños de futuro”, condensa as achegas das comunicacións que se presentaron na conferencia, celebrada o pasado 22 e 23 de xullo en formato virtual, e dos membros comité organizador, formado por persoas expertas de Galiza e Portugal. 

Na presentación participaron a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, a profesora de Humanidades da USC, Ana Goy, e a directora do museo Natura Ibérica, do Bierzo, Silvia Blanco.

A Declaración Lugo-Lisboa súmase as declaracións e cartas emanadas dos encontros internacionais que se celebraron desde a creacion de MINOM, coa conferencia inaugural en Santiago de Chile en 1972.