A Rede Museística visibiliza as nacionalidades que conviven en Lugo e os problemas da crise sanitaria entre os colectivos migrantes

Lugo, 25 de agosto de 2020.- A Rede Museística continúa a súa liña de museoloxía social, co proxecto 113+, unha iniciativa enmarcada dentro programa Culturas en Diálogo e que ten como obxectivo tecer redes coas persoas de diferentes nacionalidades que conviven no concello de Lugo.
O proxecto que consiste en investigar, documentar e visibilizar as diferentes nacionalidades que conviven no concello e crear un diálogo social que destaque os valores positivos da migración. Foi presentado antes do confinamento e retomouse durante a desescalada, mediante retratos feitos en colaboración coa fotografa cubana Eveling Ruiz, creando un retrato fusionado das persoas participantes e de obxectos escollidos que representen a súa orixe. Xa foron retratadas persoas de preto de 40 países.
Migración, Covid e Museos
Na mesma liña de traballo a Rede Museística organiza debates e obradoiros baixo o título: Migración, Covid e Museos, centrados no impacto da COVID-19 nas comunidades migrantes e na función dos museos: escoitando as necesidades e facendo de altofalantes dos colectivos invisibilizados. Os debates celebraranse nos catro museos da Rede e a través da plataforma Zoom e poderán seguirse a través das redes sociais da Rede Museística.
O obradoiro presencial, celebrarase o xoves 27, nos xardíns do Museo Provincial. As participantes investigarán sobre as identidades e as desigualdades que provocan. Traballando coa exposición de Ali Ali, crearán o seu propio libro ilustrado que poña en valor a importancia da transmisión oral e a identidade cultural. Está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 10 anos, e para garantir a seguridade só hai 10 prazas. Para asistir é necesario anotarse a través do correo xerencia@museolugo.org.
- 26 de agosto: Museo Provicial do Mar: Como o están vivindo as persoas migrantes? Videoconferencia ás 23h.
- 27 de agosto: Museo de Lugo: Obradoiro para nenos e nenas. Ás 12h.
- 27 de agosto: Museo Fortaleza San Paio de Narla: Facendo Memoria do noso Rural Emigrante. Videoconferencia ás 23h.
- 28 de agosto: Pazo de Tor: COVID-19 e desigualdades. Videoconferencia ás 23h.