Cultura
Deputación de Lugo

O humor centra o programa da Xornada de Literatura de Tradicional Oral, organizado pola AELG coa colaboración da área de Cultura

ÁREA DE CULTURA
Maite Ferreiro
AELG
ANTONIO REIGOSA
LOIS PÉREZ
TRADICIÓN ORAL
Quico Cadaval, Xosé Lois González “O Carrabouxo”, Paula Carballeira e Suso Lista participarán no encontro , que se desenvolverá o 24 de outubro no Pazo de San Marcos

A vicepresidenta Maite Ferreiro e os escritores e representantes da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) Antonio Reigosa e Lois Pérez presentaron esta mañá a décimo terceira edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral, que se celebrará o vindeiro 24 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

O humor nos xéneros da literatura tradicional popular centran o programa da xornada, que contará con relatorios de Quico Cadaval, Xosé Lois González “O Carrabouxo”, Paula Carballeira e Suso Lista.

Na presentación, Lois Pérez explicou que o humor “é un trazo preeminente na literatura de tradición oral, moi arraiago e vencellados as clases populares e traballadoras, fundamentalmente radicadas no rural” e incidiu en que “o humor galego dase na súa mellor versión, vencellado á retranca, á ironía, dase de arriba para abaixo. En boa parte dos contos de tradición oral aparecen as chanzas co poder económico, eclesiástico, cos señoritos chegados da cidade”.

“A área de Cultura da Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa Asociación de Escritores en Lingua Galega desde hai case trece anos,  e precisamente na súa orixe está a organización destes encontros de estudo e análise da literatura tradicional, que se veñen celebrando de forma continuada desde aquela”, explicou a vicepresidenta da Deputación, quen agradeceu tamén “a implicación da Aelg na actividade cultural tanto da cidade como do resto da provincia”.

Na mesma liña, Antonio Reigosa puxo en valor “as actividades e recursos xerados nos últimos anos arredor da colaboración coa área de Cultura da Deputación de Lugo, de interese para o país e para colectivos tan importantes como o do ensino”.

Inscricións

A xornada conta coa homologación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por 8 horas. As persoas interesadas nesa certificación deberán facer a matrícula a través da páxina web da Asociación Socio-pedagóxixa Galega (AS-PG)  ata o 22 de outubro. As persoas que non estean interesadas no certificado homologado e unicamente queiran un certificado de asistencia da AELG deberán facer a inscrición no correo electrónico oficina@aelg.org. No desenvolvemento da actividade  aplicaranse as limitacións de aforo e os protocolos sanitarios vixentes.

Programa completo nesta ligazón