Cultura
Deputación de Lugo

Ledicia Costas e Magín Blanco inauguraron unha fin de semana dedicada ao libro e á lectura no Vello Cárcere de Lugo

MURALLA DE LETRAS
ÁREA DE CULTURA
vicepresidencia
LEDICIA COSTAS
SUSO DE TORO
MAGÍN BLANCO
Suso de Toro, Lucía Aldao e María Lado ou Paco Nogueiras protagonizarán mañá as actividades do programa Muralla de Letra, organizado pola Vicepresidencia

Ledicia Costas falou da súa obra e universo creativo nun encontro con lectores e lectoras que se celebrou esta tarde no Vello Cárcere de Lugo, dentro do programa Muralla de Letras, organizado pola vicepresidencia da Deputación de Lugo para dinamizar o sector editorial e animar o mercado libreiro.

Acompañada por Eva Mejuto, Ledicia Costas compartiu co público reflexións sobre o oficio da escrita, a relación das xeracións máis novas coa literatura e co galego ou o proceso creativo dalgunhas das súas obras, que a converteron nunha das autoras máis lidas e premiadas de Galiza. A pasada semana recibía o Premio da Cultura Galega 2020.

A primeira xornada de Muralla de Letras completouse co concerto de Magín Blanco que levou ao auditorio do Vello Cárcere o espectáculo “O que levamos nas maletas”, n contacontos musicado para estimular a creatividade e a curiosidade polas letras e as palabras, a lingua, os contos e a música.

 

Magín Blanco durante a actuación no Vello Cárcere

A programación continúa este sábado coa presenza de Suso de Toro, María Lado e Lucía Aldao ou Pilar García Negro, que presentarán as súas últimas publicacións. Dúas sesións de contacontos a cargo de Anxo Moure e do colectivo Polo Correo do Vento e o concerto de Paco Nogueiras completarán a xornada no Vello Cárcere.

O domingo será a quenda do poeta sarriao Luís López Alonso, de Marica Campo e de Nieves Neira e María Grandío, promotoras de Ámboa Editora. No tocante ás propostas para público infantil, haberá dúas sesións de contacontos a cargo de Brais das Hortas e Raquel Queizás e un concerto de Paco Cerdeira “Pakolas”.

Programa Muralla de Letras


Inscricións en cultura@deputacionlugo.gal

Dada a situación sanitaria e as restricións de capacidade dos espazos culturais, para participar nas actividades cómpre inscribirse no correo cultura@deputacionlugo.gal, indicando a actividade á que se quere asistir e os nomes e contactos das persoas que acudirán. Se non se completa o aforo, aos dez minutos do inicio da actividade, permitirase a entrada sen reserva previa.