Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro saudou o nomeamento de Xela Arias para as Letras Galegas 2021, acordado pola Real Academia Galega

XELA ARIAS
Letras Galegas
Maite Ferreiro
RAG

A  Vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro valorou o nomeamento de Xela Arias (Sarria, 1962) para as Letras Galegas 2021 como “unha gran nova para a provincia de Lugo e especialmente para a área de Cultura” que dirixe.

A deputada nacionalista subliñou que “Xela Arias marcou de xeito absoluto a literatura galega de finais do século XX como escritora, editora e tradutora” e reparou en “que se trata da quinta muller recoñecida no Día das Letras Galegas desde a súa primeira edición en 1963, e agardamos que a primeira de moitas que merecen a atención e homenaxe que ata agora non tiveron”.

Tamén sinalou que “a elección pon o foco na vila de Sarria, onde naceu e iniciou a súa formación na Granxa de Barreiros,  e  en nós mesmas como responsables da área de Cultura, na medida en que temos a obriga de contribuír á difusión e recoñemento da súa obra e da dimensión pública da súa vida”

A Real Academia Galega acordou este martes dedicarlle as Letras Galegas 2021 a Xela Arias, destacando o carácter anovador da súa obra “que anticipou nos anos 80 do século pasado moitos temas e características formais da poesía galega da década seguinte” e a o seu posicionamento “a favor da lingua galega, non só como poeta”.