A Vicepresidencia colaborará coa Fundación Uxío Novoneyra para continuar coa restauración da casa do poeta no Courel
A fundación desenvolverá un proxecto orientado á difusión do patrimonio literario entre os visitantes do Camiño de Santiago
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro adiantou que “a área de Cultura renovará a colaboración coa Fundación Uxío Novoneyra para dar un novo pulo á rehabilitación da casa do poeta en Parada do Courel e continuar coa súa labor de promoción e dinamización sociocultural a partir do legado de Novoneyra”
A área de Cultura achegará 35.000 euros á entidade, que dedicará parte dos recursos a habilitar un novo espazo para residencias artísticas e investigadoras na fragua, unha das dependencias da propiedade da casa familiar do poeta do Courel.
“O investimento permitirá avanzar no proxecto de restauración que a Fundación Uxío Novoneyra comezou hai dous anos co apoio da institución provincial e que permitiu habilitar as dúas plantas da vivenda como zonas expositivas e arquivo documental”, apuntou a vicepresidenta tras a visita á casa museo, na que coñeceu de man do responsable da entidade, Uxío Novo Rey, os proxectos a desenvolver durante a anualidade.
Ademais de ampliar os espazos para usos culturais, a Fundación Uxío Novoneyra destinará os recursos provinciais a adaptar as zonas visitables aos protocolos sanitarios de cara a prevención da Covid-19 e a custear gastos de funcionamento da casa museo e dos espazos naturais da contorna.
“A situación sanitaria require un esforzo maior para atender as persoas que se achegan ata aquí. Se antes faciamos grupos de 20 persoas, agora as visitas son en grupos de cinco”, explicou Uxío Novo.
Difusión do patrimonio literario
A achega da área de Cultura tamén contribuirá ao mantemento da actividade da Fundación, ligada á conservación e difusión do legado do poeta e á dinamización sociocultural do Courel arredor da literatura e da creación artística.
Así, ao longo de 2021, a entidade desenvolverá un proxecto orientado a propiciar que os visitantes que chegan a Galiza atraídos polo Camiño de Santiago coñezan o patrimonio cultural rural e, especialmente, o literario, que conta tamén con financiamento europeo a través do proxecto Horizonte 2020 RurAllure.
Ademais, a Fundación seguirá colaborando cos docentes da provincia na identificación de boas experiencias no traballo conxunto entre museos e escolas e impulsará iniciativas dirixidas á diversificación do público da casa museo.