Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia apoia a labor educativa da Asociación Antonio Gandoy, que ofrece servizos en doce concellos

ASOCIACIÓN SOCIO-EDUCATIVA ANTONIO GANDOY
Maite Ferreiro
vicepresidencia
educación
PREESCOLAR NA CASA
A entidade, que dá continuidade ao proxecto educativo Preescolar na Casa, dirixe a súa actividade formativa a familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos

A asociación desenvolve a súa actividade en Baralla, Becerreá, Baleira, Castroverde, O Corgo, Láncara, Lugo, Paradela, O Páramo, Triacastela, Chantada e Sarria

A Vicepresidencia apoia a labor educativa da Asociación Socio-educativa Antonio Gandoy con 15.000 euros.  A achega contribúe á que a entidade desenvolva as súas actividades, dirixidas fundamentalmente a familias con crianzas entre os 0 e os 3 anos.

A principal liña de traballo da entidade consiste na organización de reunións de formación nas que as familias con nenas e nenos en idade infantil comparten coñecementos e experiencias sobre a importancia educativa dos primeiros anos. As  xuntanzas, coordinadas por profesionais do eido educativo, son ademais un espazo de aprendizaxe e socializacion para as crianzas, que tamén participan nos encontros.

As reunións organízanse con periodicidade semanal ou quincenal, en función das demandas e necesidades das familias. A asociación está a ofrecer este servizo educativo nos concellos de Baralla, Becerreá, Baleira, Castroverde, O Corgo, Láncara, Lugo, Paradela, O Páramo, Triacastela, Chantada e Sarria, en grupos reducidos e con protocolos de funcionamento adaptados á situación sanitaria.

A vicepresidenta Maite Ferreiro puxo en valor o traballo da asociación que que “facilita que as familias poidan beneficiarse do apoio doutras nais e pais e de información sobre o desenvolvemento da infancia baseada no coñecemento e na investigación, algo moi necesario nunha sociedade dinámica que nos enfrontan a cambios e novos retos continuamente”. 

A asociación tamén ofrece a concellos e entidades a posiblidade de organizar actividades lúdicas orientadas a nenos e nenas en idade infantil como “O son que me arrola”,  unha proposta musical artellada arredor de cantos de berce e rimas da cultura tradicional galega e de instrumentos de percusión. 

Herdeiras de Preescolar na Casa

A entidade continúa coa labor desenvolvida durante 35 anos en Galiza por Preescolar na Casa, un proxecto pioneiro na intervención educativa na etapa infantil e na creación de materiais didácticos en galego para estas idades. A asociación toma o nome do seu promotor Antonio Gandoy e conserva o material producido durante mais de tres décadas de experiencia educativa, para ofrecelo a todas as persoas interesadas en coñecelo e estudalo.