Maite Ferreiro inaugurou a Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, asistiu este tarde á Festa dos Xogos Tradicionais organizada por Xotramu en Muimenta, unha xornada monográfica dedicada á posta en valor do patrimonico lúdico de Galiza
O campo da Igrexa Vella converteuse en escenario de xogo para público de todas as idades, con decenas de propostas, desde a billarda ou os bolos ata as carreiras de sacos, o aro ou a comba. Tamén se realizaron demostracións e obradoiros de construción de enredos e xoguetes tradicionais.
Maite Ferreiro felicitou a Xotramu pola celebración da xornada tras o parón do ano pasado, provocado pola Covid -19, e puxo en valor o traballo de recuperación e estudo do patrimonio lúdico que veñen realizando na última década. Anunciou, ademais, que a Vicepresidencia da Deputación colaborará coa entidade na publicación de material divulgativo sobre os xogos tradicionais.
Á marxe da actividade lúdica, durante a xornada celebrouse tamén unha mesa redonda de cara a creación da Federación Galega de Deportes Autóctonos.