Inaugurada en Chantada a exposición "Xela Arias. A poesía do retrato", promovida pola Vicepresidencia
Maite Ferreiro sinalou que a exposición contribúe a manter a atención sobre a figura e a obra de Xela Arias máis aló do Día das Letras Galegas
Esta tarde inaugurouse na Praza do Cantón Vello de Chantada a exposición "Xela Arias. A poesía do retrato" con fotografías de Xulio Gil e poemas de Xela Arias. A mostra, promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, consta de vinte paneis nos que as imaxes en branco e negro da autora dialogan con versos escollidos da súa obra poética.
As fotografías retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil cando tiña entre 26 e 40 anos. Trátase de imaxes tomadas para seren socializadas en revistas, libros ou noutros soportes de divulgación da obra de Xela Arias que se mostran por primeira vez en formato expositivo coincidindo co ano de homenaxe á autora sarriá polas Letras Galegas.
Chantada é a terceira parada da mostra, que nos dous últimos meses puido verse en Sarria e Lugo. Permanecerá na Praza do Cantón Vello ata o 8 de xullo, para viaxar despois a Monforte, Ribadeo e Viveiro.
No acto de inauguración, a vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que "coa itinerancia da exposición polas distintas comarcas durante todo o ano, queremos contribuír a manter a atención sobre a figura e a obra de Xela Arias máis aló do Día das Letras Galegas. É importante que as persoas referentes da lingua e da cultura galega estean presentes de forma constante, nas aulas, nos espazos culturais, nos medios audiovisuais e tamén a pé de rúa".
As persoas que asistiron á inauguración recibiron un exemplar dun libro-catálogo que recolle unha mostra máis ampla de retratos emparellados con fragmentos poéticos, coordinada por Xosé Enrique Acuña. Tamén poideron escoitar a música do grupo sarriao Malditos Roedores, cun repertorio de pezas en galego.