Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia programa 36 representacións co ciclo de teatro profesional Aparte

Dez compañías xirarán polos distintos concellos, con montaxes para todos os públicos

Dez compañías actuarán dentro do circuíto de teatro profesional Aparte, organizado pola Vicepresidencia da Deputación en colaboración con concellos e asociacións. Trécola, Titiriterra, Mircromina Teatro, Lîlâ Teatro, Ubú Teatro, Señor López Producións, Ítaca Teatro, Pínconús, Teatro baixo da area e A compañía solitaria do Dr. Monifate xirarán polas comarcas da provincia con montaxes para distintos públicos.

A programación ponse en marcha coa mesma fórmula que o ano pasado para facilitar que concellos e asociacións teñan marxe para cambios ou aprazamentos de datas, en función da situación sanitaria.

Na presentacion do circuíto, acompañada por integrantes de Ubú Teatro, Pínconús e Ítaca Teatro, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou que coa organización deste ciclo se “mantén o apoio á rede de compañías de teatro e facilita que todas as persoas poidan disfrutar das artes escénicas e da actividade cultural en todo o territorio”.

O calendario inclúe 36 representacións en Cervo, Burela, O Vicedo, O Valadouro, Foz, Barreiros, Lourenzá, Alfoz , Ribadeo, Viveiro, Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Friol, O Corgo, Rábade, Guitiriz, Vilalba, Xermade, Sarria, Triacastela, O Inicio, Monforte, Quiroga, Sober, A Pobra do Brollón, Bóveda e Pantón.

Maite Ferreiro agracedeceu “a colaboración de concellos e asociacións para levar a cabo esta programación teatral que é un dos sinais de identidade da política cultural desenvolvida desde a Deputación de Lugo nos últimos anos”.

Neste sentido, explicou que “a posta en marcha do Buxiganga foi un punto de inflexión para as artes escénicas en Lugo. Ao seu abeiro naceron algúns dos grupos de teatro que hoxe son profesionais, creando unha rede que segue mantendo un gran dinamismo, malia  as dificultades dos últimos meses”. Asi, remarcou que “o circuíto deste ano incorpora un grupo máis que o ano pasado, A compañía solitaria do Dr. Monifate,  e a maior parte das compañías ofrecen montaxes novas”, remarcou.

Ao circuíto profesional de teatro, que conta cun orzamento de 50.000 euros, sumarase o lanzamento, nas vindeiras datas, do circuíto de compañías afeccionadas.

Xuntamos calendario e catálogo coas obras que se representarán.