A memoria LGTBIQA+, nun mapa sonoro dispoñible na plataforma en liña da Rede Museística Provincial
Na presentación, Maite Ferreiro sinalou o “compromiso da Vicepresidencia cos dereitos e liberdades de todas as persoas”
A plataforma multicanle da Rede Museística Provincial alberga desde este luns un mapa sonoro da memoria diversa, con medio cento de testemuños orais que relatan vivencias, anécdotas, experiencias e lembranzas vinculadas á temática LGTBIQA+. Este arquivo sonoro é o resultado do proxecto “Facémonos escoitar?” desenvolvido polo Colectivo Agrocuír da Ulloa que, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, recolleu e documentou os audios nas distintas comarcas da provincia.
Testemuñas relatando despertares sexuais, momentos fundacionais do activismo, experiencias vividas nos centros educativos, lembranzas sobre os primeiros amores ou historias cotiás en supermercados, pubs ou no entorno familiar forman a escolma, que se presentou esta tarde no Museo de Lugo, nun acto no que participaron a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro; Adrián Gallero e Raquel Morado do Colectivo Agrocuír da Ulloa; Cristina Palacios, presidenta de Arelas; Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial; e Aurelia Balseiro, directora do Museo de Lugo.
Roteiro por Lugo
Tras a presentación dos contidos en liña, a vicepresidenta participou nun roteiro por Lugo no que, con algúns dos audios como guía, as persoas asistentes percorreron diferentes espazos da cidade de Lugo -algúns deles xa inexistentes ou transformados- significativos para a historia e a memoria LGTBIQA+.
Entre eles, o propio Museo de Lugo, para deterse na obra “Un momento que dura años” (1983 de Roberto González, que evoca un dos momentos fundacionais do activismo LGTBIQA+ en Lugo. No exterior do Museo, Maite Ferreiro manifestou ás persoas que se sumaron ao roteiro “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación cos dereitos, coas liberdades e a diversidade todos os días do ano”.
Exposición no xardín do Museo
Ademais, o xardín do Museo de Lugo acolle ata o vindeiro 4 de xullo unha mostra exterior formada por unha vintena de paneis que recompilan o traballo desenvolvido por colectivos LGTBIQA+ na visibilización e naturalización da diversidade. A mostra viaxará despois a Monterroso, e aos outros tres museos da rede, o Museo do Mar, San Paio de Narla e o Pazo de Tor.
Proxección de “Persoas S.A”
Maite Ferreiro tamén asistiu a proxección do documental “Persoas S.A” da directora lucense Carmen Granxeiro, un audiovisual sobre a historia do activismo, centrado no rural. O visionado rematou cun foro no que participaron a directora do filme, Cristina Palacios, presidenta de Arelas, Braulio Vilariño, do Colectivo Agrocuír da Ulloa, e Miguel Vieito, xurista e asesor legal de Arelas.