Os museos énchense de obradoiros e propostas didácticas para a rapazada nos meses de verán
Maite Ferreiro destacou que "estas propostas axudan a sensibilizar sobre a necesidade de conservar os bens patrimoniais e amplían a oferta cultural nos concellos de Lugo, Cervo, Monforte e Friol"
A Rede Museística Provincial presentou este mércores no Museo de Lugo as actividades de verán, con distintos obradoiros e propostas didácticas arredor dos recursos e coleccións dos museos pensadas para nenas e nenos de distintas idades.
As actividades desenvolveranse nos meses de xullo e agosto, cunha axenda propia en cada un dos centros da rede -o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, San Paio de Narla e o Pazo de Tor. Desde sesións de contacontos ou actividades centradas no coñecemento da metodoloxía das escavacións arqueolóxica, ata reconstrucións de mercados medievais, obradoiros de gravado ou talleres de radio.
A axenda pode consultarse na plataforma multicanle da Rede Museística Provincial, comunidadermpl.es, onde tamén se accede á solicitude de preinscrición en cada unha das actividades.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “estas actividades reforzan o coñecemento e a vinculación da cidadanía cos museos, desde as primeiras idades, espertando un interese polo patrimonio que axuda a sensibilizar e consolidar actitudes de conservación e valorización dos bens culturais”. Tamén sinalou que “contribúen a ampliar a oferta cultural, especialmente para as primeiras actividades nos concellos nos que se ubican os distintos museos, Lugo, Monforte, Cervo e Friol.