A Vicepresidencia revitalizará o Lugar de Reque cun proxecto pioneiro na aplicación da permacultura en espazos públicos
O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, sinalou que “ o proxecto pon en valor e humaniza os terreos, situados nunha contorna privilexiada”
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo desenvolverá no Lugar de Reque, no paseo do río Rato, un proxecto de permacultura pioneiro en Galiza. A finca, na que está ubicado o taller de artesanía do Centro de Artesanía e Deseño (CentrAD), transformarase nun espazo de referencia na divulgación, a formación e o intercambio de experiencias baseadas nos principios da permacultura e a bioconstrución, ligados ao uso respectuoso e consciente dos recursos naturais.
O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou este mercóres que “a iniciativa, pioneira a nivel institucional, naceu da necesidade de poñer en valor e humanizar este espazo natural, propiedade da institución provincial e situado nunha contorna privilexiada”. “Apostamos por facelo a través dun proxecto de permacultura pola súa relacón coa artesanía, xa que son dúas disciplinas que parten de saberes e prácticas tradicionais pero que conectan moi ben coas necesidades do presente e do futuro, que pasan por xeneralizar modelos de produción e consumo sostibles, pegados á terra”, expuxo.
Así, indicou que “este espazo pode ser un campo de experiencia valioso para os artesáns e artesás que traballen con materias primas naturais ou que teñan interese no deseño ecolóxico tanto dos seus productos como dos seus obradoiros. Pero será un espazo de interese para todas as persoas que queiran adquirir coñecementos e desenvolver técnicas relacionadas coa permacultura, xa que todas as intervencións que se fagan serán abertas ao público”.
Intervencións previstas
O proxecto presentado está mañá contempla a reestruturación da parcela, coa creación de diferentes espazos produtivos e recreativos que aproveiten as condicións naturais do terreo (orientación solar, dirección dos ventos ou recursos hídricos, entre outros).
Un dos elementos centrais nesa planificación é a creación dun bosque comestible, cunha mestura de plantas e árbores con funcións biolóxicas distintas e complementarias seguindo os patróns dos bosques naturais , e dunha horta en permacultura, na que se aplicarán técnicas agrícolas orientadas a maximizar a produción dunha forma respectuosa cos recursos naturais.
Crearanse tamén bancais e xardíns verticais de herbas medicinais e plantas aromáticas, que contribuirán á biodiversidade e servirán de mostrario das texturas, formas, cores e aromas da natureza; un estanque, no que confluirán os recursos hídricos da finca e as augas pluviais; e “hoteis de insectos”, estruturas con formas e materiais pensados para atraer especies de insectos beneficiosos para o ecosistema, a través da polinización ou como fonte de alimento para as aves.
Ademais, instalaranse de unidades de compostaxe para o aproveitamento de restos de poda e outros elementos orgánicos que se xeneren na propia finca, e noutros espazos naturais da cidade.
A reestruturación da finca completarase coa construción dunha aula multiusos, con materiais e deseños pensados para a autosuficiencia enerxética (auga de pozo propio, placas fotovoltaicas e un sistema de biomasa para a xeneración de calor) e unha xeración de residuos mínima (baño seco).
Os terreos contarán cun punto de fitodepuración, un espazo destinado á purificación e reutilización das augas residuais. Imitando os procesos de purificacion natural, empréganse plantas acuáticas e macrófitas en cooperación con microorganismos para eliminar toxinas de lodos, sedimentos e augas superficiais e subterráneas.
No deseño do proxecto, o Centro de Artesanía e Deseño contou coa colaboración e o asesoramento de persoas expertas en permacultura e bioconstrución, como Rubén Escuredo, permacultor e socio fundador da cooperativa A Flor da Vida ou o arquitecto Víctor González García-Echave, de ESPIGA (Asociación Galega para a Bioconstrución).
Espazo de formación e divulgación
As intervencións comezarán no outono e desenvolveranse de forma progresiva cun horizonte de dous anos. Os traballos realizaranse coa participación do público, para que a reestruturación do espazo sirva como experiencia práctica para as persoas interesadas nos principios e técnicas da permacultura e a bioconstrución.
Ademais, habilitarase unha canle de Youtube a través da que se compartirá a marcha das intervencións e outros contidos relacionados con estas disciplinas.
Espazo lúdico
Na presentación do proxecto, tamén se destacou o cariz lúdico e recreativo que adquirirá o espazo, con zonas de xogos, especialmente pensados para os máis pequenos. “Estamos convencidos de que a transformación física destes terreos contribuirá a un maior coñecemento deste lugar por parte de toda a cidadanía, e especialmente da veciñanza de Lugo”, explicou o deputado de Artesanía e Deseño.
Nese sentido, durante o acto, no que participou o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, Efrén Castro destacou que “o proxecto concorda co modelo de cidade polo que se está a apostar desde o concello, coa peonalización das rúas e a humanización de distintos espazos da cidade”.