Cultura
Deputación de Lugo

Paco Nogueiras, Pakolas ou A Gramola Gominola, na programación infantil organizada pola  Vicepresidencia, con 18 actuacións en distintos concellos

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove unha programación para público infantil e familiar, con diferentes propostas musicais e escénicas que contribuirán a ampliar a oferta cultural e lúdica dos concellos durante os meses de verán.

Baixo o epígrafe “Verán Infantil”, a área de Cultura levará ás distintas comarcas os espectáculos musicais Rockeando con Ramona Órbita de Paco Cerdeira “Pakolas”, Extra! de Paco Nogueiras e A Gramola Gominola, os concertos do grupo Cozorellos Salvaxes, os pasarrúas de Guateque Roll e as funcións  de clown, malabares e globoflexia de Peter Punk Payaso. En total, programaranse 18 actuacións, en colaboración con diferentes asociacións.

“Son montaxes divertidas e coloristas que non pasan desapercibidas porque empregan o xogo e a imaxinación para captar a atención das  nenas e nenas”, resumiu a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalando a “necesidade de ofrecer un ocio diverso e de calidade para que as máis pequenas e pequenos aprendan, se divirtan e se interesen pola actividade cultural”.

A tamén responsábel de Cultura remarcou que "se trata de espectáculos e propostas musicais en galego, coas que se promove a normalizacion da lingua nunha franxa de idade na que se observan retrocesos no uso do idioma propio. Cremos que é fundamental que as nenos e nenas teñan vínculos emocionais coa lingua desde as primeiras idades e as actividades culturais e lúdicas teñen un gran potencial nese sentido”, afirmou.

Maite Ferreiro lembrou que “Verán Infantil se suma a outras programacións que se puxeron en marcha desde a área de Cultura nas últimas semanas, como o Musiqueando, as proxeccións na rúa da película Cuñados ou o circuíto de teatro profesional Aparte”. “Son máis de 170 eventos, cos que chegamos nón só ás vilas de referencia en cada concellos, senón tamén ás parroquias do rural, e que contribúen a xenerar actividade nun sector moi prexudicado pola pandemia”.