Cultura
Deputación de Lugo

Inaugurada en Viveiro a mostra “Xela Arias. A poesía do retrato”, que poderá verse ata o 26 de agosto nos Xardíns Noriega Varela

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
XELA ARIAS
XULIO GIL
Letras Galegas

Este mércores inaugurouse en Viveiro a mostra “Xela Arias. A poesía do retrato”, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para contribuír ao recoñecemento e divulgación da obra da poeta sarriá.

A exposición está formada por 20 paneis nos que as fotografías de Xulio Gil, retratos en branco e negro da autora homenaxeada polas Letras Galegas, dialogan con fragmentos da súa obra poética.

Na inauguración, o deputado Efrén Castro destacou o formato da exposición que “leva a súa obra ao encontro directo co público”. “Xela Arias é unha autora moderna, comprometida, pegada á rúa na defensa de causas xustas. E que gustaba da rúa como espazo para a cultura. Pensamos que este formato exterior recolle ben ese interese seu por facilitar a difusión da poesía”, continuou o responsable provincial que agradeceu a colaboración do Concello de Viveiro para manter a itinerancia da mostra.

Durante o acto, no que tamén interviu a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o fillo da autora, Darío Gil, apuntou que "ademais de ser un convite a achegarse a poesía de Xela Arias, a mostra pode ser tamén unha porta de entrada á literatura e a poesía en galego".

A inauguración da exposición, que poderá verse ata o 26 de agosto nos Xardíns Noriega Varela, contou co acompañamento musical do grupo Malditos Roedores.

Xela Arias. A poesía do retrato

A exposición para exteriores, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa produción executiva de Ouvirmos, recompila unha colección de textos poéticos da autora  xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90.

As imaxes permíten mergullarse no universo máis íntimo da autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas, a través de fotografías que a retratan  posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, quen foi a súa parella no persoal e no artístico.

Trátase de fotografías tomadas para seren socializadas en revistas, libros ou noutros soportes, que formaban parte do arquivo  do fotógrafo e que se mostran por primeira vez en formato expositivo.  Na selección das imaxes e dos versos, traballaron conxuntamente o propio Xulio Gil e mailo escritor, editor e xornalista Xosé Enrique Acuña.

Ademais da escolma feita para a mostra, coordinaron os contidos dun libro catálogo co mesmo título, Xela Arias. A poesía do retrato, editado por Engaiolarte, coa colaboración da área de Cultura.