O Vello Cárcere acollerá o luns a proxección de “Dores”, un documental sobre os campos de concentración franquistas en Galiza
Coincidindo coa véspera do Día da Galiza Mártir, a área de Memoria Histórica da Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizará o vindeiro luns, 16 de agosto, unha proxección-coloquio arredor do documental “Dores”, sobre os campos de concentración franquistas en Galiza.
A curtametraxe, que poderá verse ás 20.00 no Auditorio do Vello Cárcere, recolle os testemuños de persoas que sufriron, en diferentes formas, as consecuencias da represión e do silencio imposto polo fascismo ás vítimas e ás familias.
O audiovisual, dirixido por Coral Piñeiro, fíase a partir dos relatos de Enma Chapela, que traballou como guía na Illa de San Simón sen saber que seu tío avó estivera alí preso; Mariano Jabonero, fillo de Casimiro Jabonero, que recolleu nun diario os maltratos e humillacións sufridos no campo de concentración de Lavacolla; Susana Sánchez, autora de “Seique” e sobriña do represor franquista Manuel García Sampayo; e Tino Cordal, sobriño neto de Castor Cordal paseado durante a ditadura.
Tras a proxección, abrirase un coloquio con Clara Miñán e Laura Martínez, coautoras do guión do documental, concebido desde a vontade de loitar contra o “esquecemento e o descoñecemento da historia propia”, segundo sinalan as autoras.
O deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, sinalou que “a existencia de campos de concentración e de traballos forzados é un dos aspectos menos coñecidos da represión. É unha realidade pendente de estudo e investigación, pola protección e a impunidade da que goza o franquismo incluso en democracia, pero tamén está pendente o coñecemento e a socialización dos relatos da vítimas e das súas familias. Contra ese silencio, gravouse este documental que o luns poderemos ver e analizar xunto ás autoras, nun espazo de memoria como é o Vello Cárcere”
O deputado opinou que “as políticas de memoria teñen que ter como guía o dereito á verdade, á xustiza e á reparación, e asegurar a non repetición. Para iso, continuou, é fundamental organizar foros como os do luns, que poñan sobre a mesa e no coñecemento de toda a sociedade esas realidades silenciadas”.
Efrén Castro destacou ademais que “a data elexida, a véspera do Día da Galiza Mártir, responde a vontade da Vicepresidencia da Deputación de dar respaldo e relevancia institucional a esta data, cabodano do fusilamento de Alexandre Bóveda e día de homenaxe a todas as persoas asasinadas e represaliadas por defenderen as liberdades e dereitos democráticos e nacionais do pobo galego”.