Inaugurada a mostra “Tecendo rede. Tecendo recordos”, que dá visibilidade á enfermidade de alzhéimer
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, inaugurou esta mañá a exposición “Tecendo rede. Tecendo recordos”, con paneis fotográficos que amosan o traballo que realizan as asociacións galegas de alzheimer para manter e mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e dos seus familiares.
Na inauguración da mostra estiveron presentes tamén a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, e a vicepresidenta da Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU) e vicepresidenta segunda da Federación Galega (FAGAL), Iria Franco Pena.
Franco explicou que se trata dunha exposición itinerante con motivo da campaña do Día Mundial do Alzheimer 2021. Lugo é o punto de partida dun percorrido que levará esta iniciativa a multitude de destinos de toda a xeografía galega onde están constituídas as AFA (Asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer), desde agosto ata decembro deste ano.
A mostra poderá visitarse na sala de exposicións do Pazo de San Marcos ata o 23 de agosto, de luns a sábado, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas; e domingo, de 11.00 a 14.00 horas. A iniciativa busca mostrar o traballo diario e continuado que realizan as 15 asociacións galegas de Alzheimer e outras demencias, que se intensificou nun ano complexo por mor da pandemia da Covid.19.
Tal e como aseverou a vicepresidenta Maite Ferreiro, “é imprescindible dar visibilidade a todo o que hai detrás deste enfermidade neurodexenerativa e doutras demencias, así como brindar apoio ás familias e fortalecer a rede que teñen creada para ofrecer información e dar a coñecer o Alzheimer”.
Encarna Lago sinalou que “os museos representan espazos onde se pode traballar de xeito preventivo o envellecemento activo, pois temos unha infraestutura de centros de memoria que contribúen a mellorar a situación de persoas coidadoras e enfermos”.
Desde AFALU convidaron a toda a cidadanía de Lugo a que se chegue a ver a exposición, “unha selección fotográfica que conxuga moi ben o labor que facemos desde as asociacións coas persoas que padecen este tipo de demencias e moi especialmente coas súas familias”.