"A memoria do son" leva a Sarria reproducións de instrumentos do Pórtico da Gloria
Este luns inaugurouse en Sarria a mostra “A memoria do son”, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad). O deputado provincial, Efrén Castro, e o director da Colección de Instrumentos e comisario da exposición, Luciano Pérez, presentaron a exposición, acompañados polo alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e a concelleira de Cultura, Reyes Abella, no Antigo Cárcere.
Tras o seu paso polo Museo da Catedral de Compostela, onde recibiu máis de 55.000 visitantes, a mostra, froito dos traballos de investigación e recuperación que se desenvolveron desde o centro provincial a partir da iconografía medieval, chega a Sarria onde permanecerá ata o 30 de setembro.
A exposición, concebida para ampliar o coñecemento deste patrimomio musical do Centrad, inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez ou dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.
Os fondos instrumentais complétanse con melodías accesibles, a través de códigos QR, proporcionando a oportunidade de escoitar o son de cada un deles. Tamén inclúe propostas interactivas, como un salterio no que as persoas visitantes poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- , que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.
Na presentación, o deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, destacou a “vontade divulgadora e didáctica da mostra” que, dixo, “nos está a permitir poñer en valor o patrominio musical do Centrad, un referente no estudo e reprodución de instrumentos medieviais”.
O responsable provincial referiuse á relación de Sarria con esta mostra xa que, lembrou, “o legado do Centrad no relativo ao patrimonio musical ten o seu xerme no Obradoiro de Instrumentos, promovido polo artesán Paulino Pérez, natural de Vilei, en Barbadelo”. Sinalou, ademais, que “sendo Sarria un centro de referencia do Camiño, é o lugar idóneo para acoller unha mostra que representa o legado cultural que se xenerou ao redor da ruta xacobea en Galiza”.
Pola súa banda, o director da Colección de Instrumentos Musicais do Centrad e comisario do proxecto, Luciano Pérez, incidiu no caracter divulgativo da mostra, “accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos, artesáns e investigadores. Aos docentes permítelles traballar diferentes competencias, desenvolvendo, á vez, sentimentos de pertenza e ao público escolar facilítalle unha serie de ferramentas moi útiles desde primaria ata a universidade, espertando, por outra parte, o pequeno investigador que todos levamos dentro.
A exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel e dispoñible tamén en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño