Cultura
Deputación de Lugo

"Celme de Zanfona" trae a Lugo persoas interesadas neste instrumento de toda Galiza, Asturias, Castilla y León e Madrid

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
CENTRAD
ZANFONA
CELME DE ZANFONA
A primeira xornada do foro decorreu con relatorios sobre instrumentos históricos, músicos itinerantes e repertorios de ensino

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, inaugurou esta mañá o encontro “Celme de Zanfona”, que reúne esta fin de semana en Lugo músicos, artesáns, persoas investigadoras e docentes que desenvolven o seu traballo ao redor deste instrumento milenario.

O responsable provincial deu a benvida a relatores e asistentes ao foro, que valorou como “unha gran oportunidade para dar a coñecer o patrimonio musical de Lugo, que tivo un papel moi destacado na recuperación e no estudo da zanfona a través do obradoiro de instrumentos musicais da Deputación.  É un legado do que sentirnos orgullosos e ao que queremos seguir dando pulo no futuro”

O encontro, para o que se completaron as prazas dispoñibles, trouxo a Lugo persoas interesadas na interpretación e na construción deste instrumento de toda Galiza, e tamén de Asturies, Castilla y León e Madrid.

Unha conferencia de Baldomero Iglesias sobre músicos itinerantes, comunicacións sobre zanfonas históricas conservadas no Museo Arqueolóxico de Ourense, no Museo Massó de Bueu ou no Museo de Pontevedra ou unha mesa redonda sobre o ensino foron algúns dos contidos desenvolvidos durante a xornada, moderada pola xornalista Pilar García Rego.

Neste último coloquio, os músicos e docentes Suso Vaamonde, Uxía Muíño, Anxo Pìntos e Bruno Villamor coincidiron en sinalar o bo momento da zanfona en Galiza, con máis intérpretes deste instrumento que nunca, e apuntaron tamén retos como o de adaptar os repertorios e metodoloxías de ensino para animar as novas xeneracións a dar continuidade a esta tradición. 

A xornada remata cun concerto de Luís Caruncho no Pazo de San Marcos ás 20.00 horas.