Cultura
Deputación de Lugo

Quince persoas formaranse desde este xoves como artesás textís no programa Tecer para integrar, impulsado polo Centrad

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
ARTESANÍA E DESEÑO
CENTRAD
EFRÉN CASTRO
TECER PARA INTEGRAR
Fadas
Efrén Castro sinalou que “o proxecto é unha oportunidade para poñer en valor a artesanía como actividade produtiva e de futuro”

O programa inclúe conferencias, demostracións e visitas a cargo de artesás como Tina Cortón, Sara Lage, Montse Arias e Traxandaina

Quince persoas recibirán formación en técnicas relacionadas cos oficios textís e a moda sostíbel no marco do programa  “Tecer para integrar”,  impulsado polo Centro de Artesanía e Deseño e a Federación de Asociacións de Ámbito Social (FADAS).

As actividades comezarán este xoves nunha das aulas do CEI Nodus do Concello de Lugo, con formación de iniciación en técnicas de patronaxe e confección de prendas de vestir, que se completará cunha primeira toma de contacto, a través de conferencias, visitas e demostracións, co novo modelo da industria textil, as boas prácticas de moda sostíbel e os obradoiros artesanais galegos dedicados ao tecido e a confección. Así, a formación inclúe visitas aos talleres de Tina Cortón, Sara Lage, Montse Arias e Traxandaina.

Ademais,  as participantes contarán con apoio e asistencia para o desenvolvemento de habilidades sociais, motivación para o emprego, alfabetización dixital e recursos para as xestións con diferentes administracións, segundo o programa que se especifica no seguinte apartado.

En total, impartiranse 638 horas de formación, nas que as persoas participantes poderán adquirir os coñecementos e a cualificación técnica necesaria para acceder á Carta de Artesán, o documento oficial que acredita a condición de artesán.

Ademais de deseñar o programa formativo, aproveitando a experiencia e o coñecemento do sector, o Centro de Artesanía e Deseño facilitará os materiais, ferramentas e utillaxe precisos para desenvolver as actividades.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro sinalou que “Tecer para integrar” é unha oportunidade para poñer en valor a artesanía e, concretamente, os oficios do tecido, como actividade produtiva e de futuro” e mostrouse convencido de que “este programa formativo pode poñer as bases para que agromen proxectos de moda sostibles, á marxe da gran industria, respectuosos co medio ambiente e coas persoas”.

As quince persoas que participan no programa foron seleccionadas por FADAS, entre as súas usuarias e usuarias e atendendo as súas circunstancias persoais e sociais. A entidade, que agrupa a Aliad Ultreia, Asociación Concepción Arenal, Asociación de Inmigrantes e Retornados/as  Rioplatenses,  Ameis, Asociación Social Dez Portas, Aviva, Axunica, Escuela Shantidi,  O recuncho solidario, Taller de Solidaridad, Venezolanos en Lugo e Asociación Reiki Lugo,encargarase tamén de facer o seguimento do programa e as accións necesarias para que optimizar as oportunidades que brinda o programa, tanto a nivel de formación no oficio, como de inclusión nos ámbitos educativos, socioculturais e laborais.

Tecer para integrar conta tamén co apoio do Concello de Lugo, que ademais de ceder as instalacións do CEI Nodus, colaborará nalgunha das sesións de formación para o autoemprego.