A Vicepresidencia lanza unha nova edición do Circuíto de Teatro Afeccionado, con máis de cincuenta actuacións
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro Afeccionado, co que levará máis de cincuenta actuacións polos concellos . Dezanove compañías –catro máis que no 2020 - ofrecen as súas representacións no marco deste programa, co que a área de Cultura mantén o apoio ás artes escénicas que se iniciou co programa Buxiganga e que se lanza baixo esta nova fórmula adaptada á situación de pandemia.
Trátase de Asociación Cultural Abrente (As Nogais), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), Hipócrita Teatro (Lugo), Grupo de Teatro do Hospital – HULA (Lugo), Os Palimoquiños (Lugo), Curuxan (Lugo), Nova Escena Teatro (Lugo), Lume Escénico (A Pontenova), O Centiño (Foz), O Torques (Burela), Os Trocos (Castro de Rei), Pico do Castro (Foz), Alentía Teatro (Palas de Rei), A Mariña (Cervo), Grupo de Teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla, Metátese Teatro (Palas de Rei), Os Pinchacarneiros (Lugo), Argalleiras (Chantada) e Teatreiras (Monforte).
A área de Cultura xestiona o calendario, atendendo á dispoñibilidade das compañías e as preferencias dos concellos e asociacións interesadas nesta oferta cultural, e financia íntegramente as actuacións.
A responsábel de Cultura Maite Ferreiro, que se reuniu este xoves no Pazo de San Marcos con representantes das compañías lucenses que se adheriron ao programa, explicou que “a inicitiva tende a man a que concellos e asociacións podan programar de balde, colaborando coa cesión dos seus espazos, e por outra banda, dando o apoio que os grupos de teatro afeccionado precisan das administracións públicas, especialmente despois dun ano complicado para o mundo da cultura e especialmente para as artes escénicas”.
Neste sentido, destacou que “a esta nova edición se suman catro grupos máis que o ano pasado, o que nos fai ser optimistas de cara a recuperar toda a actividade previa á pandemia” e recoñeceu “o traballo e o amor polo teatro que hai detrás das compañías de teatro amadoras, que canalizan a creatividade e as inquedanzas artísticas e culturais de moitas persoas formando actores e actrices que logo dan o salto ao teatro profesional”.
Por último, a vicepresidenta subliñou a posibilidade que o Circuíto de Teatro Afeccionado ofrece "para ampliar a oferta cultural e de lecer nos distintos concellos, animando a entidades locais e asociacións a concertar actuacións para os vindeiros meses".
Consulta aquí o catálogo coas obras que cada compañía ofrece dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado.