Maite Ferreiro recibiu en San Marcos ás persoas participantes no Cumio dos Camiños do Norte
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, recibiu este mediodía na Praza de San Marcos ás persoas participantes no Cumio dos Camiños de Santiago do Norte, que celebrou a súa segunda xornada este sábado en Lugo, coa participación de 27 asociacións de Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi.
Maite Ferreiro déulles a benvida á cidade e sinalou o interese que as xornadas espertaron entre persoas e colectivos vinculados ao Camiño de todo o noroeste peninsular, ao tempo que desexou “un intercambio de experiencias e reflexións frutífero, que contribúa a definir estratexias de futuro para potenciar as rutas xacobeas mantendo os elementos naturais, arquitectónicos e culturais que fixeron do Camiño un itinerario universal”
Tamén aproveitou a intervención para poñer en valor ante as/os visitantes, unhas 70 persoas, o patrimonio da cidade, punto de referencia do Camiño Primitivo, do que puideron disfrutar cun paseo polo adarve da Muralla.
O Cumio dos Camiños do Norte que celebrou o venres a súa primeira xornada en Mondoñedo, culminará mañá en Compostela.