O Museo de Lugo recupera a obra de María Jesús Pérez Carballo para o público lucense coa mostra retrospectiva "Un mundo dous mundos"

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Maite Ferreiro
MUSEO DE LUGO
MARÍA JESÚS PÉREZ CARBALLO
UN MUNDOS DOUS MUNDOS
A exposición, na que conviven o lirismo e a denuncia social, poderá verse na Sala de Exposicións ata o 11 de novembro

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, participou esta mañá na inauguración da exposición “Un mundo dous mundos” da pintora lucense María Xesús Pérez Carballo, que poderá verse no Museo de Lugo ata o vindeiro 11 de novembro.

Trátase dunha mostra retrospectiva na que conviven o lirismo e a denuncia social como  sinalou a propia autora na súa intervención, con referencias emocionadas á infancia  e ás amizades que conserva desa etapa vital, presente na plástica mais tamén no texto poético que abre a exposición.

O percorrido pola Sala de Exposicións iniciase con cadros de paisaxes e imaxes da natureza nos que a pintora verte o seu mundo máis íntimo e remata en obras realizadas cunha vontade de crítica nas que usa o collage para introducir imaxes captadas por reporteiros gráficos en contextos de guerra e sufrimento e interpretalas con pinceladas propias .

Maite Ferreiro referiuse á exposición como un exercizo de compromiso do Museo de Lugo “co recoñecemento e difusión da traxectoría artística de creadoras e creadores lucenses, tanto noveis como consolidadas”, entre as que se atopa a autora que realizara a súa primeira exposición – no ano 1975- na Deputación de Lugo e que volveu mostrar a súa obra ao abeiro da institución provincial no 2003.

A mostra recupera, pois, a obra da autora para o público lucense despois de dezaoito anos e resignifica o lema “O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar” baixo o que o Museo de Lugo ven desenvolvendo a súa actividade neste 2021.