Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia apoia a actividade do Instituto de Estudos Chairegos

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
INSTITUTO DE ESTUDIOS CHAIREGOS
IESCHA
MANUEL MARÍA
A área de Cultura colaborou coa entidade chairega na edición de contidos audiovisuais sobre Manuel María e nunha nova edición da revista Pena do Encanto

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovou o seu apoio á actividade do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) cunha achega de 6.000 euros que contribuíu ao desenvolvemento da actividade cultural da entidade, nun ano aínda marcado pola crise sanitaria.

A vicepresidenta Maite Ferreiro e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, asinaron un convenio de colaboración que financiou diferentes iniciativas de divulgación, entre elas, a edición dunha peza audiovisual sobre Manuel María a partir dos vídeos recollidos pola entidade chairega para homenaxear ao poeta coinicidindo coa celebración do Día da Cultura Chairega.  O Iescha editou 600 copias desta recompilación para a súa distribución entre as persoas sociais da entidade e aquelas que colaboraron na iniciativa.

Ao abeiro da achega da Vicepresidencia, o Instituto de Estudos Chairegos publicou unha nova edición da súa revista “Pena do encanto” e dous volumes coas actas das últimas xornadas celebradas pola entidade ao redor do centenario das Irmandades da Fala, con especial atención á figura de Lois Peña Novo, e da actividade das mulleres no eido creativo.

Maite Ferreiro destacou  “o esforzo feito polo Iescha para adaptar a súa actividade á situación sanitaria do último ano e seguir adiante coa súa labor de estudo e difusión da cultura chairega” e indicou que “desde a área de Cultura tratamos de facilitar ese dinamismo mantendo o apoio económico a todas as entidades coas que viñamos colaborando”.

A vicepresidenta da Deputación tamén aproveitou a sinatura do convenio para agradecer a colaboración que as asociacións prestan na difusión e organización das programacións teatrais, musicais e audiovisuais promovidas pola área de Cultura durante o ano. Nese sentido, lembrou que nos últimos meses "grazas á colaboración do Iescha, organizamos en Vilalba un ciclo de proxeccións das películas finalistas dos últimos Premios Mestre Mateo e, na última fin de semana, a proxección do documental "Negro Púrpura" sobre o dentón do centeo”.