Veciñanza de Lourenzá visita o Museo de Lugo para afondar na obra de Julia Minguillón

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
MUSEO DE LUGO
JULIA MINGUILLÓN
Lourenzá
A ESCOLA DE DOLORIÑAS
“A Escola da Doloriñas”, que retrata unha escola rural laurentina, valeulle á autora lucense unha medalla  de Belas Artes no 41

O Museo de Lugo organizou este sábado un acto para conmemorar os 80 anos desde a entrega a Julia Minguillón (Lugo 1906-1965) da medalla da Exposición Nacional de Belas Artes pola obra “A escola da Doloriñas” .

A homenaxe á pintora lucense tivo como protagonistas ás veciñas e veciños de Lourenzá que, da man da Asociación Patrimonio Laurentino, aproveitaron a data para achegarse ao Museo de Lugo e visitar a Sala Julia Minguillón onde se expón este óleo, a composición máis interesante e tamén a máis coñecida da pintora.

O deputado Efrén Castro e a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, saudaron e deron a benvida ás persoas visitantes antes o itinerario guiado pola obra da autora.

Notas sobre a obra (Guía Grafica do Museo Provincial de Lugo)

“A Escola de Doloriñas”, pintado entre 1939 e 1941, representa a típica escola rural da época na que a mestra Dolores Chaves imparte clases a un grupo de nenos e nenas de diferentes idades nunha estancia de dimensións reducidas, na que a través dunha fiestra contamos cunha breve referencia espacial dos montes da Cazolga.

Julia Minguillón concibe unha composición en aspa, colocando aos nenos en grupos, que se poden inscribir en triángulos en torno á mestra, que está representada á dereita do cacho sentada diante dun velador sobre o que hai un libro aberto e unha vara. Está pintado desde un punto de vista alto aínda que achegando as figuras ao espectador.

Para conformar a escea a pintora elixe a 12 nenos de entre os 20 que asisten en realidade á escola de Vilapol e realiza apuntamentos de cada neno por separado que despois traslada ao cacho. Consigue así, por un lado, a máis bela das súas composicións pero ademais está desenvolvendo o seu xénero favorito, un retrato do natural de cada un dos personaxes.

A cor é parca e sutil, aplicada a base de suaves veladuras e a pincelada con moi pouca materia que deixa ao descuberto a táboa nalgunhas zonas, aproveitando as calidades da madeira