Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia colabora coa Anpa do Conservatorio Xoan Montes na posta en marcha dun fondo de libros para préstamo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
cultura
ENSINANZAS ARTÍSTICAS
CONSERVATORIO XOÁN MONTES
ANPA
FONDO DE LIBROS
A área de Cultura entregou á Anpa exemplares dunha trintena de publicacións sobre teoría da música para poñer en marcha o servizo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo puxo a disposición do alumnado do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo un lote de libros sobre teoría da música.

Trátase de publicacións sobre linguaxe, harmonía, análise e historia da música, que se empregan habitualmente no ensino musical e que pasarán a formar parte do fondo de libros  de préstamo que a AnPA do centro poñerá en marcha para facilitar o acceso do estudantado a un material imprescindible para a súa formación.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, achegouse ao centro para entregar o material, acompañada polo tenente de alcalde Rubén Arroxo e polo concelleiro de Educación, Felipe Rivas.

Na visita, representantes da Anpa confirmaron que esta achega de material,que inclúe varios exemplares dunha trintena de publicacións,  dá un importante impulso ao proxecto do fondo de libros, que agardan poñer en funcionamento de forma inmediata.

Maite Ferreiro felicitou “á asociación de nais e pais por unha iniciativa que procura a igualdade de oportunidades e trata de aliviar o esforzo económico que supón para estudantes e familias seguir estas ensinanzas artísticas, ao ter que custear matrículas, materiais de estudo e instrumentos” e encadrou a colaboración “no apoio que desde a área de Cultura vimos prestando a asociacións do ámbito educativo para que leven a cabo as súas iniciativas”

O Conservatorio Profesinal de Musica Xoán Montes de Lugo conta con preto de 450 alumnos e alumnas nos graos elemental e profesional.