Cultura
Deputación de Lugo

O Museo de Lugo incorpora nove pranchas de gravados de Prieto Nespereira 

VICEPRESIENCIA DEPUTACIÓN LUG
GRAVADO GALEGO
PRIETO NESPEREIRA
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
As pezas, cedidas por Ángel Patricio Rodríguez Argibay,  complementan o discurso expositivo da sala monográfica dedicada ao gravador ourensán

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou esta mañá o Museo de Lugo, que vén de recibir novas obras do gravador ourensán Xulio Prieto Nespereira (Ourense, 1986- Madrid, 1991).

Trátase de nove pranchas de cinc realizadas entre os anos 40 e 70 do século XX por Prieto Nespereira, cedidas por Ángel Patricio Rodríguez Argibay. Concretamente, engádense aos fondos do museo dúas pranchas gravadas e asinadas polo autor, unha de 16,4 x 10 cm e outra de 25 x 31 cm, así como sete pranchas de cinc orixinais con motivos diversos e distintos formatos.

Estes bens, ingresados no MPL hai semanas, xa se poden ver na sala 25 do MPL, un espazo monográfico dedicado ao autor dentro da sección de Debuxo e Gravado Galego que se pode visitar no primeiro andar.

Maite Ferreiro  agradeceu a xenerosidade de Ángel Patricio Rodríguez Argibay, que coa súa achega permite ampliar e complementar o discurso expositivo da sala monográfica Prieto Nespereira, creada a finais dos oitenta con obras doadas polo propio autor ao Museo de Lugo, dezanove gravados realizados coa técnica do augaforte e unha escultura

A Sala Prieto Nespereira  permite coñecer todas as etapas da súa evolución dende a paisaxes fantásticas da primeira época influídas polo rico imaxinario galaico como O Peto das bruxas, as paisaxes naturalistas galegas como Praza do Campo, Camino de Covas, Santiago de Compostela, nas que segué o ronsel de Castro Gil, ata a produción non imitativa dos últimos anos.

O espazo monográfico remodelouse a finais de 2020. A actuación supuxo o reenmarcado de todas as obras expostas e o seu acondicionamento con materiais específicos como carpetas de conservación, vidros antirreflectantes con protección UV e transparentes, marcos e molduras axeitados á normativa museográfica para garantir a conservación preventiva destes bens. 

Xulio Prieto Nespereira (Ourense, 1896-Madrid, 1991)

O artista ourensán Xulio Prieto Nespereira foi fundamentalmente gravador, aínda que tamén cultivou a pintura e a escultura. Creador dunha obra longa e fecunda, Prieto Nespereira comeza a súa incursión no mundo do gravado en 1921 e algúns estudosos da súa obra distinguen cinco etapas na súa evolución estética. Unha traxectoria que o leva dende as formulacións figurativas, naturalistas e galeguistas da primeira e a segunda etapa (ata 1950) deica a procura da abstracción da última (1962-81) pasando entre 1950 e 1962 polos seus ensaios de nova figuración bascados nunha esquematización de raizame cubista e nun último momento en ensaios dun forte expresionismo.

A súa actividade como gravador é a propia dunha personalidade inqueda e activa que a cada paso vai dotando a súa obra dunha impronta máis persoal, avanzando na procura de novas técnicas e texturas e novas temáticas (series ñas que afonda sobre asuntos concretos: peixes, bodegóns, o misterioso mundo das pinturas negras de Goya polas que chegou a interesarse intensamente...). Por outra parte o seu traballo de promoción e desenvolvemento do gravado foi impresionante: Fundou con Castro Gil e outros o grupo "Los 24" e formou parte da Asociación Española de Artistas Gravadores e dos Salóns do
Gravado, onde suceden como director a Castro Gil.