Sarria acolle este venres a obra “Libre coma os paxaros” de Teatro do Atlántico, sobre Rosalía de Castro
A Casa da Cultura de Sarria acolle este venres (20.00 horas) a representación da obra “Libre coma os paxaros” de Teatro do Atlántico, dentro do programación impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para poñer en valor a figura e obra da poeta coa colaboración de concellos e asociacións.
O colectivo sarriao Rebuldeira colabora na organización da representación, na que a actriz María Barcala - recoñecida por interpretar grandes personaxes femininas na historia do teatro moderno como a Nora de “Casa de bonecas” de Ibsen a Marteuil de “Quartett” de Heiner Müller, a Natalia de “O cerco de Leningrado” de Sanchis Sinisterra, a Clitemnestra de “Clitemnestra ou o crime” de Marguerite Yourcenar, a Dona Inés de “A noite vai coma un río” de Cunqueiro e personaxes míticas como Helena de Troia en “Helena: Xuízo a unha lurpia”, de Miguel del Arco – interpreta a unha Rosalía de Castro que declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, convidou “á veciñanza de Sarria e da comarca a achegarse a Casa da Cultura este venres, ás 8 da tarde, para desfrutar desta obra que nos achega á obra e ao pensamento de Rosalía de Castro e acredita a vixencia e a necesidade dese posicionamento reivindicativo, respecto das mulleres e da lingua, aínda nos nosos días” e agradeceu “a colaboración de Rebuldeira na organización e difusión da función”
“Libre coma os paxaros”: dramaturxia sobre textos de Rosalía
A base fundamental para a elaboración da posta en escena do espectáculo, dirixido por Xulio Lago, son os propios textos de Rosalía de Castro -poesía, artigos, prosas, lieders- que permiten transitar polo pensamento da autora e polo seu compromiso diante dos conflitos e acontecementos presentes na sociedade do seu tempo.
Follas Novas, Cantares Galegos, La Flor, En las orillas del Sar, Las Literatas, A mi madre, xunto cos prólogos, noticias da prensa do seu tempo, e datos extraídos de publicacións e documentos presentes na obra de diversas estudosas e estudosos da vida e da obra da autora conforman o conxunto biobibliográfico do que foi extraído o material que configura o espectáculo.
É a propia Rosalía de Castro, interpretada por María Barcala, a que desde o escenario, cos código propios do teatro, establece a comunicación co público, mostrándose como unha muler en loita a prol da igualdade entre homes e mulleres, contra a violencia de xénero, que denuncia a desigualdade social e os atentados contra o equilibrio ecolóxico ou o drama da emigración. A posta en escena complétase coa iluminación de Antonio Simón e a música de Vadim Yukhnevich.
Domingo, na Pobra do Brollón
A obra manterase en xira polas comarcas da provincia durante os meses de marzo e abril. Despois de Sarria, este domingo, 13 de marzo (19:00 horas) representarase na Casa da Cultura Olga Nova da Pobra do Brollón, coa colaboración do concello. As seguintes funcións serán no Auditorio Municipal de Chantada o 1 de abril , na Casa da Cultura de Meira o 14 de abril e no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo o 24 de abril.
Programa sobre Rosalía
Ademais de “Libre coma os paxaros”, dentro da programación sobre Rosalía, a Vicepresidencia da Deputación ofrece aos concellos e asociacións a montaxe para público familiar “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, e a realización de murais homenaxe a autora en centros educativos e espazos públicos, a cargo dos muralistas Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft. Nos próximos meses, tamén viaxará pola comarcas a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, agora exposta na Praza de San Marcos de Lugo.