Cultura
Deputación de Lugo

O Pazo de Tor incorpora ao percorrido visitable os espazos que habitaron as mulleres da servidume co proxecto "Soterradas"

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
SOTERRADAS

A recuperación e posta en valor de sete estancias incorpora a perspectiva de xénero e social ao discurso museográfico

Este novo itinerario inaugurouse esta tarde coincidindo co Día Internacional dos Museos e co inicio das Xornadas Pacegas

Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, que este ano se celebra baixo o lema “O poder dos museos”, inaugurouse no Pazo de Tor o proxecto de recuperación e posta en valor dos espazos nos que habitaron as persoas que desenvolveron tarefas domésticas ou agrarias na propiedade ao longo da historia, como persoal de servizo ou como caseiros e caseiras.

Trátase dunha intervención desenvolvida no marco do proxecto “Soterradas. A vida tralos mantelos, da fortaleza ao Pazo”, que busca incorporar a perspectiva de xénero e social ao discurso museográfico.

A actuación recupera para o percorrido visitable do Pazo de Tor sete estancias: tres cuartos, un aseo, unha zona de ferramentas e un tear, no soto do edificio, e a vivenda de Ángeles Rivada, que comezou a traballar no servizo no 1959, con nove anos, e que permaneceu no Pazo ata a xubilación, mesmo despois de que a propiedade fose cedida á Deputación de Lugo -a súa continuidade figuraba como condición na doazón-.

Ata agora, a visita ao Pazo de Tor limitábase as salas e dependencias ocupadas pola nobreza, que conservan o mobiliario e as coleccións artísticas que a linaxe dos Garza, a quen pertenceu, foi atesourando ao longo dos séculos, ofrecendo un testemuño privilexiada do modo de vida da nobreza na Galiza da Idade Moderna.

Coa recuperación e posta en valor destes novos espazos, respectando a distribución e estrutura orixinal, e incorporando obxectos que formaban parte da vida cotiá das presoas que os habitaron,  o Pazo de Tor visibiliza relatos esquecidos ou ignorados na construción do discurso museográfico, en detrimento, sobre todo, do recoñecemento do traballo das mulleres, maioría entre o persoal de servizo.

Na representación desa memoria oculta, teñen especial relevancia os mantelos, unha prenda presente en diferentes puntos do percorrido como símbolo da distinción de clase entre as mulleres das fortalezas e pazos. 

A xerente da Rede Museística Provincial e coordinadora do proxecto Soterradas, Encarna Lago, explicou que “a recuperación destes espazos é froito do traballo de investigación, conservación, difusión e actividade didáctica realizado nos últimos tres anos no territorio” e sinalou esta “incorporación de novos espazos e novas narrativas como un cambio radical no ADN do museo,  noque se ofrece agora unha  visión completa do que aconteceu, de arriba abaixo e de abaixo arriba”. 

Xornadas Pacegas

A visita guiada por estes novos espazos deu inicio a segunda edición das Xornadas Pacegas, que se desenvolven ata mañá baixo o mesmo epígrafe que o proxecto de renovación museolóxica “Soterradas. A vida tralos mantelos, da fortaleza ao Pazo”, co fin de reflexionar

Nesta primeira xornada, destacaron os relatorios do catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela Isidro Dubert, sobre “Os traballos das criadas e dos criados na Galiza do Antigo Réxime” e da profesora de Historia Contemporánea da Universidade  de Santiago de Compostela María Luisa Muñoz Abeledo, que falou sobre “Amas de cría e economías familiares en Galicia (1750-1900)”

“Soterradas” en San Paio de Narla

O pasado sábado, esta perspectiva de xénero e social reforzábase tamén no Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, coa incorporación de novas pezas expositivas a distintos espazos e estancias do edificio: paneis con fotografías do arquivo de Walter Ebeling -o historiador alemán que retratou a vida no rural galego entre 1928 e 1933-, documentos que acreditan a subordinación das mulleres da servidume en todos os ámbitos, incluída unha sentenza sobre unha agresión sexual reinterpretada pola artista Luz Darriba ou outros elementos como unha pezoeira, empregada polas mulleres que tiñan que amamantar as crianzas doutras.

Estas intervencións, que se incorporarán tamén aos recursos e actividades multicanle da Rede Museística Provincial, enlaza e dá continuidade ás iniciativas que se veñen desenvolvendo desde os museos provinciais a partir de relatos femininos - como Mariñas, marosas e maruxainas ou Recolectoras. Memoria e terra-.