Cultura
Deputación de Lugo

Nova convocatoria do Certame de Investigación Condado de Pallares, que conta con apoio da Vicepresidencia da Deputación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
CERTAME DE INVESTIGACIÓN CONDADO DE PALLARES


As persoas investigadoras poderán presentar os seus traballos, inéditos e en galego, ata o 30 de setembro

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro participou esta mañá na presentación do XVI Certame de Investigación Condado de Pallares, convocado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, co obxectivo de promover a investigación nos ámbitos da linguística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no territorio que conformaba o antigo Condado de Pallares, entre os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

As persoas interesadas en participar poden achegar os seus traballos de investigación, escritos orixinais e inéditos en lingua galega,  ata o 30 de setembro, remitíndoos por correo certificado, baixo plica, á Casa Reitoral de Ferreira de Pallares, onde ten a súa sede a asociación. Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao autor ou autora da obra que reúna suficientes méritos científicos .

Na presentación, celebrada na delegación da Xunta de Galiza, Maite Ferreiro recoñeceu “o traballo e a constancia da Asociación de Amigo s do Mosteiro de Ferreira de Pallares na organización deste certame, que visibiliza e da valor á investigación e á produción de coñecemento no ámbito das humanidades e das ciencias sociais cunha importante dotación económica e coa publicación dos estudos premiados”

No acto, participaron o presidente da Asociación de Amigos do Condado de Pallares, Carlos Vázquez, e representantes doutras administracións e entidades colaboradoras -Dirección Xeral de Política Linguística da Xunta de Galiza, concellos de Guntín, Taboada e Chantada, GDR Miño Ulla e Comarca de Lugo e Caixa Rural.