Cultura
Deputación de Lugo

O Centrad acolle unha exposición de violas da gamba en homenaxe ao músico José Vázquez

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
CENTRAD
JOSÉ VÁZQUEZ
VIOLAS DA GAMBA
MÚSICA ANTIGA
CAPELA COMPOSTELANA
As actividades en lembranza do intérprete de música antiga inclúen un concerto de Capela Compostelana o luns ás 20.00 horas na Capela de Santa María

O Centro de Artesanía e Deseño acolle desde este venres unha exposición de violas en homenaxe ao viologambista José Vázquez (La Habana, Cuba, 1951-Madrid, 2021), un dos máis recoñecidos intérpretes deste instrumento de corda.

A programación rememora o paso por Lugo do músico de orixe cubano, que en 2008 expuxo no Museo de Lugo unha colección de instrumentos musicais de corda dos séculos XVI até o XVII única no mundo, ademais de dirixir á formación Orpheon Consort en distintos concertos interpretados cos instrumentos expostos.

Coincidindo co 14 aniversario daquelas actividades, unha das poucas ocasións en que se puido desfrutar na Pensínsula Ibérica da súa particular maneira de concibir o pracer da musica antiga,  o Centro de Artesanía e Deseño acolle a mostra “Homenaxe a José Vázquez” que reúne máis dunha ducia de instrumentos do músico coruñés Francisco Luengo, alumno avantaxado de José Vázquez e referente da recuperación e difusión da música barroca e renacentista coa formación Capela Compostelana.

Precisamente esta formación completará a homenaxe a José Vázquez, cun concerto na Capela de Santa María, no que interpretarán un repertorio con pezas de autores do Renacemento inglés. 

Exposición “Homenaxe a José Vázquez”, desde o 1 de xullo

A mostra reúne 13 instrumentos de corda, na súa maioría violas da gamba máis tamén outros da familia da viola como o pardessus -que se toca no regazo- ou a xiga, un instrumento medieval considerado precursor da viola de gamba, barroca.

Concerto de Capela Compostelana, o luns na Capela de Santa María

A Capela de Santa María acollerá o luns 4 ás 20.00 horas un concerto titulado “The Cries of London”, no que a formación Capela Compostelana – con Francisco Luengo na dirección e á viola da gamba soprano; Sara Ruíz, viola da gamba tenor; Mª Alejandra Saturno, viola da gamba baixo; e Xurxo Varela, viola da gamba baixo e soprano- interpretará un repertorio de cancións, fantasías e danzas do Renacemento inglés. Acompañará a voz da soprano Raquel Mendes.

A  programación completarase o venres 8 cun coloquio a cargo de Francisco Luengo ás 20.00 horas.