O Museo de Lugo acolle a exposición “Arquitecturas debuxadas. Lugo/Compostela” de Santiago Catalán, con debuxos de espazos e edificios emblemáticos das dúas cidades
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro asistiu esta tarde (19.30 horas) á inauguración da mostra “Arquitecturas Debuxadas. Lugo/Compostela” do arquitecto e debuxante Santiago Catalán, que poderá verse na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 30 de setembro.
Trátase de 121 debuxos de edificios e espazos representativos da arquitectura das cidades de Lugo - 54 debuxos – e Compostela - 67 debuxos-.
No caso de Lugo, a mostra ofrece un paseo visual que se deten na catedral, a casa do Concello, na Praza do Campo ou na Muralla, e nos edificios deseñados por arquitectos como Juan Álvarez de Mendoza, Luis Bellido, Nemesio Cobreros, Eloy Maquieira ou Alfredo Vila, que renovaron o urbanismo da cidade.
O compendio de ilustracións sobre Compostela artéllase ao redor da catedral e das rúas próximas, amosando detalles da súa arquitectura desde perspectivas diferentes e cunha mirada tridimensional que aproxima ao espectador a reflexionar sobre o proceso construtivo.
Na súa intervención, Maite Ferreiro convidou a visitar a exposición que “nos permite facer un paseo visual pola cidade e deter a mirada en espazos, edificios, elementos arquitéctonicos, polos que pasamos a cotío sen reparar nela” e que definiu “como unha invitación a valorar o patrimonio co que contamos na cidade”.
A exposición complétase coa proxección dos debuxos recollidos nas publicacións “Arquitecturas Debuxadas. Lugo” (Xerais, 2016) e “Arquitecturas Debuxadas. Compostela” (Xerais, 2018), que son o xerme da mostra.
Notas de Santiago Catalán sobre a arquitectura da cidade de Lugo
En palabras do autor, recollidas nun dos textos dos paneis expositivos que acompañan a mostra, en Lugo “(…) todo ou case todo é dunha escala contida, doméstica e accesible para o paseante, porén a cambio, a súa historia é grande, moi grande e os importantes arquitectos que aquí traballaron -Andrade, Ferro Caveiro, Casas y Novoa, Bellido, Álvarez de Men doza, Cobreros, Maquieira...- deixáronnos un legado de valiosísimas arquitecturas de todas as épocas. A través dalgúns deles, durante o Barroco, Lugo une a súa historia a Compostela”.
“Para ilustrar esta cidade, para debuxala, debín repensarme como habitante de Lugo e pór enfase, máis que na miña experiencia vital, na maxia que, para un visitante, supón a sorpresa do encontro con esta cidade que garda tantos estupendos edificios e tan orixinais e sorprendentes ámbitos urbanos. Estes debuxos son froito dunha mirada apaixonada, non imparcial nin inocente, sobre esta cidade que me fascinou desde o primeiro momento, cando a descubrín hai xa moitos anos sumida na mesta néboa, elixíndoa entón libremente para vivir nela e gozala cada día”, continúa a reflexión.
+INFO: http://redemuseisticalugo.org/documentos.asp?mat=27&id=6913