Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Efrén Castro participa nun encontro entre a selección española de rugby e a base lucense

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
EFRÉN CASTRO
RUGBY
MURALLA RC
SELECCIÓN ESPAÑOLA RUGBY FEMININO

O deputado de Deportes Efrén Castro asistiu este martes a un encontro entre as escolas e equipos de base de rugby lucense e as xogadoras da selección española de rugby, que se concentran esta semana en Lugo co Muralla RC como anfitrión.

Rapaces e rapazas de Muralla RC, Capóns de Vilalba, Asterix de Viveiro e  Fendetestas das Pontes seguiron o adestramento das “leoas”, que se preparan en Lugo para unha xira en Sudáfrica, e puideron saudalas, conversar con elas e facer fotos.

Este adestramento aberto encádrase no traballo de promoción do rugby que ven desenvolvendo o Muralla RC a través da iniciativa Rugby no rural, que conta o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que contribuíu a revitalizar a tradición do rugby en Viveiro da man de Asterix e fixo agromar o interese por este deporte en Vilalba, coa creación de Capóns.

O deputado de Deportes Efrén Castro valorou  “a presenza do equipo español en Lugo como unha oportunidade para dar a coñecer a cidade e os pasos adiante que se están a dar no rugby lucense, especialmente no traballo coa base” e tamén subliñou “a importancia de que este achegamento da base ao rugby de elite se faga a través de equipos femininos”

A selección de España de rugby feminino, campioa de Europa en nove ocasións, ten nas súas filas á galega Mónica Castelo e a Judith Hernández, xogadora canaria que fixo parte da súas carreira no Muralla RC (2012-2018) e que compite agora co CRAT Coruña.