Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia programa 47 representacións co ciclo de teatro profesional, que arranca este xoves no Saviñao

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Maite Ferreiro
cultura
CIRCUÍTO TEATRO PROFESIONAL

Once compañías xirarán polos distintos concellos, con montaxes para todos os públicos

As representacións comezan este xoves coa actuación de Mírcromina Títeres no Círculo do Saviñao

A Fonsagrada, Sarria, Ribeira de Piquín, A Pobra do Brollón e O Corgo tamén acollerán actuacións durante este mes de agosto

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presentou  o circuíto de teatro profesional promovido pola área de Cultura, que inclúe 47 representacións de once compañías por toda a provincia.

Trécola Producións, Mircromina Teatro, Lîlâ Teatro, Ubú Teatro, Producións Señor López, Xamón Produción, Ítaca Teatro, Pínconús, Batega, Teatro Baixo da Area e A Compañía Solitaria do Dr. Monifate xirarán desde este mes de agosto ata decembro con propostas escénicas para distintos públicos, desde teatro de títeres para público novo ata montaxe con gran peso do baile tradicional e da música en directo na escena ata adaptacións teatrais de textos literarios como Poeta en Nova YorK.

Na presentacion do circuíto, Maite Ferreiro sinalou que coa reedición deste ciclo “a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén o apoio á rede de compañías profesionais da provincia, poñendo en marcha unha programación concreta que lles permite rendibilizar o seu traballo creativo, e contribuíndo, no medio prazo, a consolidar un público para o teatro e as artes escénicas en todas as comarcas”.

Neste sentido, remarcou “a importancia de facilitar o acceso a propostas culturais de calidade en todo o territorio, de man de concellos e asociacións que precisan este tipo de colaboracións e iniciativas para ampliar as súas programacións culturais”.

Así mesmo, destacou “a calidade e capacidade creativa das compañías lucenses que en cada edición engaden algunha novidade ao catálogo de representacións do circuíto”, ao tempo que saudou “a estrea neste circuíto de compañías como Xamón Produción e Batega”.

O calendario, que arranca este xoves coa representación de "Vacacións no mar" a cargo de Mírcromina Títeres no Saviñao (Círculo do Saviñao, 20:00 horas), inclúe representacións en Sarria, Quiroga, A Fonsagrada, Ribadeo, As Nogais, Lugo, O Saviñao, Guitiriz, O Vicedo, A Pastoriza, Burela, Sarria, Alfoz, Cospeito, Castroverde, Cospeito, Pol, O Páramo, Monterroso, O Valadouro, Becerreá, Foz, Guitiriz, Xove, Rábade, Monforte,  Viveiro, O Corgo, Ribeira de Piquín, Friol, Sober, Begonte, Lourenzá, Muras, A Pobra do Brollón, Vilalba, Triacastela e Monterroso.

Actualizamos lugares, datas e horarios na axenda cultural de cultura.deputacionlugo.gal