Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación apoia a Festa Artesanal de Ferreira de Pallares, que se celebra o 14 de agosto na contorna do mosteiro

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Maite Ferreiro
cultura
FESTA ARTESANAL FERREIRA DE PALLARES
GUNTÍN
Unha decena de artesáns realizarán demostracións en vivo no recinto da festa, que culminará cun xantar de confraternidade

Esta mañá presentouse no Pazo de San Marcos a XVII Festa Artesanal de Ferreira de Pallares, que se celebrará o vindeiro 14 de agosto nos arredores do mosteiro de Ferreira de Pallares, no concello de Guntín.

A  Asociación de Amigos do Mosteiro organizou, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, unha nova edición desta cita festiva que ten como obxectivo “promover o traballo artesán e poñer en valor o conxunto monástico”, como explicou o presidente da entidade, Carlos Vázquez.

Unha decena de artesáns realizarán demostracións en vivo no recinto da festa, que se abrirá ás 11.00 horas. Haberá unha ampla representación de oficios tradicionais e artesáns: cestería, talla de madeira, xoiería, cantería, pirogravado, ferrería, ebanistería e construción d instrumenos musicais, olería, elaboración de bonecos ou apicultura.

Ademais, haberá postos de degustación e venda de produtos da zona, como os pementos de Mougán, e unha degustación gratuíta de filloas. Ás 13.30 terá lugar a lectura do pregón, a cargo do escritor Xosé Estevez, autor de novelas e libros de poesías propias e coordinador de diversas antoloxías poéticas.

A organización tamén ten previsto realizar o habitual xantar de confraternidade, no claustro do mosteiro a partir das 14.30 horas. A retirada de convites para participar no xantar pode facerse en Casa Fidalgo, Bar Stop, Parrillada O Xeito e Casa Maestro de Matei antes do 10 de agosto.

Na presentación, na que participaron representantes da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e a alcaldesa de Guntín, María José Gómez, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, felicitouse pola recuperación da feira “que reivindica os oficios artesans e os produtos autóctonos e de proximidade. Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo chamamos continuamente a sentirnos orgullosas e orgullosos do propio, do idioma, da cultura, do patrimonio, e tamén da artesanía, que forma parte das nosas sinais de identidade”.