Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Comeza en Arqueixal o curso de deseño de permacultura impulsado pola Vicepresidencia da Deputación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
ARTESANÍA E DESEÑO
PERMACULTURA
EFRÉN CASTRO
ARQUEIXAL
Efrén Castro resaltou que se trata dunha formación que ofrece ferramentas para impulsar proxectos sostibles e que pon en valor saberes tradicionais

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro visitou este martes ás persoas participantes no curso de deseño de permacultura que se está a impartir na gandeiría ecolóxica e complexo de agroturismo Arqueixal, en Palas de Rei, co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Trátase dunha proposta formativa aliñada coas actividades que se veñen desenvolvendo no Espazo Permacultural de Reque, no que as alumnas e alumnos poderán afondar na aplicación dos principios e prácticas desta disciplina, que avoga polo desenvolvemento sostíbel e rexenerativo.

O curso terá unha duración de 10 días nos que se abordarán, tanto desde un punto de vista teórico como práctico, contidos relacionados co deseño de permacultura (historia, bases éticas, directrices dos sistemas naturais), coa restauración comunitaria de solos (semente de solos, fertilizantes verdes, compostas frías e quintes, biofertilizantes), sistemas produtivos autosuficientes (herbas, hortalizas, cultivo anual de cereais e legumes, bosques de alimentos, agroflorestas e cultivos agroecolóxicos, tecnoloxías alternativas para a produción de enerxía (paneis solares, motores eólicos, bombas de extracción de auga, estufas, baños composteiros e fermentos), bancos comunitarios de sementes (recolección de sementes silvestres, produción de sementes, almacenamento, intercambio)  ou bio-arquitectura e construción natural (patróns naturais, orientación solar, adobe, madeira, construción con residuos. Tamén se introducirán cuestións relacionadas co traslado destas prácticas a estratexias urbanísticas e comunitarias, á actividade económica ou á educación.

Ademais da formación durante estes días de convivencia, na que cada estudantes poderá dar forma ao seu proxecto, o curso inclúe un seguimento e ampliación do proceso formativo a través dunha plataforma educativa. O curso está dirixido polo permacultor arxentino Tierra Martínez, unha referencia internacional en materia de permacultura e impulsor de diferentes encontros e iniciativas de formación especialmente en países de América Latina.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “a Vicepresidencia da Deputación de Lugo está a ser pioneira no achegamento á permacultura, que convida a reflexionar sobre a forma en que nos relacionamos coa natureza e enfocamos os procesos de produción e consumo, e polo tanto ofrece ferramentas para desenvolver proxectos vitais e profesionais sostibles” e lembrou que “a permacultura permitenos achegarnos desde unha perspectiva nova a saberes tradicionais, que se aplicaron sempre no noso rural e, nese sentido,  é tamén unha forma de poñer en valor ese coñecemento”, concluíu.