Granxeiras e granxeiros de Lugo protagonizan un libro dos Bolechas, por iniciativa de Medio Rural da Deputación de Lugo
Monica Freire presentou a publicación, que desenvolve de xeito didáctico os contidos do programa "Da escola á granxa"
O programa "Da escola á granxa" de Medio Rural da Deputación de Lugo dá nome e argumento a unha nova aventura dos Bolechas. A área dirixida por Mónica Freire e a Editorial Bolanda veñen de sacar do prelo “Os Bolechas van da escola á granxa”, unha publicación na que os personaxes creados por Pepe Carreiro visitan as vintecatro granxas e pequenas producións que participan na iniciativa.
Mónica Freire presentou esta mañá o libro, que desenvolve de xeito didáctico os obxectivos do programa, amosando aos máis pequenos e pequenas o papel fundamental que o sector primario ten na produción de alimentos e no mantemento da biodiversidade do territorio e da paisaxe.
Así, ao longo do libro Os Bolechas aprenden sobre as orixes da agricultura e da gandeiría como actividades humanas, da evolución dos utensilios de labranza, da pegada destas actividades na paisaxe e na cultura para logo visitar a cada unha das granxas que participan no programa “Da escola á granxa” e coñecer como coidan os animais e cultivan os alimentos.
A deputada sinalou que “se trata de levar ao papel e aproveitar a popularidade dos Bolechas entre os máis cativos para abordar os obxectivos do programa Da escola á granxa, que pretende dignificar e poñer en valor o traballo que se desenvolve no rural en beneficio de toda a sociedade e contribuír a que o rural se configure no imaxinario dos pequenos e pequenas como un espazo vivo, non só cheo de sacrificios ou do que haxa que fuxir ” e agradeceu “o interese da Editorial Bolanda neste proxecto, no que converteu aos granxeiros e granxeiras nuns personaxes máis dese universo”.
O libro recrea visitas á Carqueixa (Os Ancares), Casa da Fonte (Mañente, Pantón), Airas Moniz (Outeiro, Chantada) Arqueixal (Albá, Palas de Rei), Cabuxa Natur (Borreiques, Guntín), Casa Bértolo (Macedo, Friol), Caurelor (Espandariz, Quiroga), Champivil (Vilalba), Chousa do Lea ( Castro Ribeiras de Lea), El País del Abeyeiro (Pena da Nogueira, Negueira de Muñiz), Embutidos Suarna (Navia de Suarna), Gandería Rivera Otero (Feira do Monte, Cospeito), Granxa A Rega (O Valadouro), Granxa Casa da Escola (A Pena de Gundivós, Sober), granxa silvopastoril da CMVMC de Carballo (Carballo, Friol), Granxa Teixeiro e Pistón (Venta de Cruzul, Becerreá), Milhulloa (Coto, Palas de Rei), Muvicla (Trasliste, Láncara), Pazo da Caldaloba (Pino, Cospeito), Pazo de Vilane (Antas de Ulla), Porco Celta da Coubeira (A Couboeira, Mondoñedo), As vacas da Ulloa (A Cernada, Palas de Rei), Cooperativa Terras da Mariña (Lourenzá), Tropic Gaia (Morás, Xove), cubrindo así a gran diversidade do sector primario: con gandeirías de carne de vacún, ovino ou porcino en extensivo, granxas de leite que elaboran produtos ecolóxicos e artesanais, produción e envasado de castañas, mel e outros produtos autóctonos ou cultivos de froitas tropicais, entre outros.
O libro repartirase entre os nenos e nenas que participen nas máis de 72 visitas a estas granxas e actividades de divulgación ambiental financiadas por Medio Rural a través do programa "Da escola á granxa". A publicación está dispoñible tamén en formato audiolibro premendo aquí.